Burela, 3 de febreiro de 2015. A Concellería de Servizos Sociais de Burela tramita as solicitudes de axudas da Consellería de Traballo e Benestar para prestacións económicas de pagamento único para 2015, por fillas e fillos menores de 3 anos. O prazo de solicitude para estas axudas, dependentes da Xunta, estará aberto ata o 14 de marzo. Os interesados poden recibir máis información ou facer os seus trámites nas oficinas dos Servizos Sociais municipais de Burela, situados na Casa do Concello e abertos de luns a venres, en horario de 08.0 a 15.00 horas.
Segundo informou a concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, “poderán ser beneficiarios destas axudas todas aquelas persoas que teñan fillos ou fillas menores de 3 anos, a data 1 de xaneiro de 2015. Isto quere dicir que poderán participar os pais de todos aqueles cativos nacidos entre o 2 de xaneiro do 2012 e o 1 de xaneiro de 2015, inclusive. Ademais, deberá tratarse de pais, que por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2013, nin eles nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estaren obrigados a iso”. Durán engadiu que “no caso d@s fill@s adoptad@s ou acollid@s entre o 31 de decembro de 2013 e o 31 de decembro de 2014, a prestación poderase conceder durante os tres anos posteriores á data de inscrición no Rexistro Civil, ou cando esta non sexa necesaria, a partir da data de resolución xudicial ou administrativa que a declare”.
A documentación a entregar por parte dos solicitantes engloba a solicitude e anexos / sede electrónica, que se pode descargar no DOGA nº21 do 2 de febreiro deste ano, a autorización do cónxuxe ou parella para obter da AEAT e da Consellería de Facenda os seus datos de carácter tributario, unha fotocopia do Libro de Familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada un dos fillos/as menores de 3 anos e un certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar de convivencia. Ademais, os solicitantes deberán achegar copia da sentencia de nulidade, divorcio, separación e do convenio regulador se fora o caso, así coma fotocopia da folla da cartilla de aforros na que figure o número de conta, ou no seu defecto, certificación bancaria que indique expresamente que a persoa solicitante é titular da conta á que se refire, no caso de supostos de adopción ou tutela.