Santiago de Compostela, 04 de febreiro de 15. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, acusou este mércores ó PP de poñer en perigo aos mariñeiros galegos co seu veto a aplicar novas medidas de seguridade e a recuperar o seguro colectivo de accidentes no mar. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista para incrementar a seguridade no mar e que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista preguntoulle ao PP “si consideran que as medidas actuais son suficientes con 24 falecidos no ano pasado” e afeoulle que “considere que non son motivo suficiente para tentar de facer algo”. Val criticou a “posición defensiva” do PP, que “fai caso omiso do que propoñemos cando non intentamos acadar rédito político, non somos como o PP que utilizaba os accidentes no mar para pedir o cese da conselleira”.
Apuntou á situación precaria dos mariñeiros galegos que, ameazados polo recorte de cotas, teñen que arriscar “mais do debido” e faenar con temporal para saír adiante. Advertiu ademais que o Decreto 963/2013 que fixa as tripulacións mínimas permite que un buque saia a mareas de quince días sen relevo na ponte e na sala de máquinas, obrigando a mariñeiros sen titulación a cubrir os descansos de persoal especializado.
O parlamentario socialista reclamáballe ao goberno galego que utilizara o Fondo Europeo de Pesca e o novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca para promover a instalación de dispositivos de localización individual para os mariñeiros e de flotabilidade para os buques ou recuperar o seguro colectivo de accidentes no mar.
Tamén propón a revisión do cumprimento da normativa en materia de seguridade marítima, e solicitar a derrogación do Real Decreto 963/2013 que fixa as tripulacións mínimas de seguridade dos buques. Finalmente, reclamaba a derrogación do decreto 130/2012 que establece os prezos públicos polos servizos de rescate prestados pola Xunta.
Polbo
José Ramón Val acusou ao goberno de ignorar as demandas do sector do polbo, que reclama un plan urxente de recuperación para evitar a caída alarmante da produción. Os socialistas galegos presentaron unha proposición non de Lei para subvencionar unha parada biolóxica de tres meses, evitando a sobrecarga doutros recursos, e aplicar ademais un plan especial contra o furtivismo, que foi rexeitada polo PP.
O deputado socialista explicou que a última apertura de veda ofreceu “datos de vendas alarmantes”, constatando unha produción total de 48.910 quilogramos nos primeiros quince días, o que supón un 52 menos que no ano anterior, e un 79 por cento respecto do ano 2012, situando á pesquería “no camiño da desaparición”.