Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Barreiros acordan por unanimidade propoñer a Carmen Veiga Rodríguez como candidata á Alcaldía

BARREIROS, 26 DE FEBREIRO DE 2015.- A agrupación socialista de Barreiros propón a María Carmen Veiga Rodríguez como candidata á Alcaldía. Así o acordaron por unanimidade na reunión celebrada, e na que a alcaldable asumiu publicamente o seu compromiso para “desbancar” ao PP nos vindeiros comicios porque o PSOE, subliña, “é o único partido cun proxecto realista para este concello”.

Neste senso, reclama que son necesarios “grandes cambios na xestión municipal”, pois o concello ten que poder resolver “os problemas básicos dos cidadáns, non como agora que non só temos o IBI máis alto da provincia, incluso por riba da do concello da capital, senón que é moi superior ao doutras cidades galegas que ofrecen e dispoñen de máis servizos, como é o caso de Santiago de Compostela. E todo iso, grazas ás políticas dos actuais Gobernos local e Central”, afirma.

Eixo de actuación
Así mesmo, Carmen Veiga confirma que xa está a traballar con colectivos e asociacións para elaborar o seu programa electoral que será “un plan de xestión” para Barreiros; un municipio que sofriu “como moi poucos” o retroceso xerado “por estes anos perdidos cos populares á fronte do Consistorio”. Por iso, avanza que o eixo de actuación socialista basearase no emprego, a Educación, a vivenda, o impulso ás políticas sociais, o apoio aos mozos, á participación cidadá, ao desenvolvemento de políticas igualdade e sostibilidades, á transparencia e á rexeneración democrática.

Persoa comprometida co Partido
A alcaldable, que leva vivindo nesta localidade máis de trinta anos, é formadora ocupacional de profesional. Destaca por ser unha persoa de Partido e comprometida co Partido. Ademais, conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento político do municipio, xa que dende 2011 é a secretaria Xeral da agrupación local. Ten 53 anos, está casada e ten unha filla.

Exit mobile version