Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo esixen ó goberno municipal o quentamento da temperatura da auga da piscina de Lieiro tralo “aluvión de queixas veciñais”

CERVO, 13 DE FEBREIRO. Os socialistas de Cervo esixen ó goberno municipal do Partido Popular que cumpla co compromiso anunciado nestes últimos días para mellorar o servizo da piscina de Lieiro tralo aluvión de queixas veciñais sobre a temperatura da auga “son moitos os usuarios e veciños que nos trasladaron esta información. É inconcebible que alardeen da oferta de cursos e actividades e do aumento de socios nestas instalacións e pola contra, non se teña en conta a calidade e temperatura da auga cando é o asunto primordial no mantemento dunha piscina municipal”.

Os membros do Grupo Municipal Socialista aseguran que esta situación non é nova, “os usuarios levan notando este problema dende hai tempo e o Concello é ben coñecedor do asunto, non sería a primeira vez que suspenden un curso por este motivo. Queremos saber por qué non se toman as medidas oportunas se ademais o quentamento da auga non suporía maior coste para as arcas municipais”.

Neste senso, o GMS subliña que só podemos valorar dúas opcións, “ou non se presta a maior atención ás demandas dos veciños ou estamos ante outro caso que demostra a desidia e deixadez que prevalece entre o goberno de Cervo dende que comezaron a súa andaina no Concello”.

Asimesmo, lembraron que “é unha mágoa que tendo no municipio a única piscina olímpica de toda a provincia e unha das poucas que temos en toda Galicia, non fagan unha boa promoción da mesma, potencien os seus servizos e saquen máis rendemento de todos os recursos dos que dispón. É un atractivo máis que temos e non saben valorar nin potenciar como poderían”.

Os socialistas agardan que “escoiten ós veciños dunha vez por todas e en lugar de perder o tempo anunciando o seu compromiso con este servizo, se comprometan real e efectivamente co mesmo e solucionen o problema da temperatura da auga desta piscina canto antes”.

Exit mobile version