Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas instan á Conselleira de Pesca a facerlle “un favor á pesca e a vostede mesma e marche para casa”

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 15. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, instou á conselleira de Pesca a facerlle “un favor ao sector da pesca e a vostede mesma e marche para casa”. O responsable socialista presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que responsabilizou á “renuncia” da Xunta a defender ao sector da caída de capacidade de pesca en tódalas especies.

Val sinalou á conselleira, que ten “abandonadas todas as súas responsabilidades” e “as consecuencias estámolas a ver agora”, ata o punto de que “o sector sabe que vostede non é unha interlocutora válida”. Criticou que fronte a unha situación “alarmante”, a conselleira e Feijóo viaxen a Bruxelas e renuncien a tratar as cotas, posibilidades de intercambios ou “calquera cuestión das que lle preocupan ao sector”.

Lembrou que “foron a facer o ridículo cunha foto e un anuncio de algo que todos en Galicia xa sabiamos”, como é a situación da pesca do xeito, que se conseguiu solucionar “polo traballo dos homes e mulleres do mar que teñen que poñerse á cabeza das protestas porque saben que teñen un Goberno que os ten abandonados”.

O responsable socialista advirte que o presidente da Xunta e a conselleira aproveitan para facer “turismo” mentres os mariñeiros galegos perden capacidade de pesca de sardiña, xarda ou xurelo.

Criticou que a conselleira leve seis meses co plan de xestión da sardiña sobre a mesa “sen facer nada”cando os 400 buques de España e Portugal teñen que repartirse 19.000 toneladas e os 50 vascos poderán pescar 14.000 toneladas porque a súa zona quedou excluída do plan. Criticou que se premie aos barcos vascos logo de que os galegos leven anos autorregulándose para controlar a pesca da especie.

Dixo que a conselleira “sería unha formidable conselleira vasca” logo de evitar “dar a cara” pola situación deste sector, que está a reclamar a incorporación do caladoiro vasco ao conxunto da cota. Criticou que “vostedes son capaces de traer ao Parlamento iniciativas para asumir como propias as propostas da comisión sectorial do cerco galego e logo deixar que o goberno do Estado faga o que queira sen que levanten a voz”.

Explicou que os barcos de cerco estanse a converter en empresas “inviables” cando ven que terán pechada a pesqueiría da sardiña ata marzo, que onde antes recollían 7.000 quilos diarios agora teñen que conformarse con menos de 2.000 á semana durante só tres meses. O mesmo barco pode pescar 5.000 quilos de xarda durante todo o ano, e o xurelo foi recortado nun 26 por cento na zona VIII C.

Resumiu que “o sector do cerco está coa auga ao pescozo, non a considera a vostede como a súa aliada, e non debe de estrañarlle porque a parálise do seu goberno e a súa mesma os está a levar á ruina”.

Exit mobile version