Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz traslada ó Goberno as propostas dos veciños ós Orzamentos Participativos da Deputación que son competencia da administración central

LUGO/A MARIÑA, 11 DE FEBREIRO DE 2015.- A deputada no Congreso –Margarita Pérez Herraiz-, a través da iniciativa rexistrada, vén de trasladar ao Goberno Central as peticións que realizaron os veciños da provincia no proceso levado a cabo pola Deputación de Lugo para a elaboración dos Orzamentos Participativos, e que son de competencia estatal. Neste senso, a socialista diríxese fundamentalmente ao Ministerio de Fomento para preguntarlle sobre as previsións que mantén sobre as principais infraestruturas de comunicación de Lugo, e que permitirían vertebrar a provincia co resto de Galicia e de España.

“O organismo provincial fixo un excelente traballo, situándose á vangarda neste proceso. Non só escoitou aos cidadáns, senón que está dando resposta a cada unha das súas demandas. Así o trasladarei no Congreso, co fin de que o Goberno tome boa nota destas peticións, agardando que o Ministerio exerza a súa responsabilidade e cumpra como o está a facer a administración luguesa”, subliña a deputada socialista.

Deste xeito, as propostas dos cidadáns, que foron recollidas pola Deputación e que son de competencia estatal, refírense en primeiro lugar ás comunicacións ferroviarias. A este respecto, Herraiz diríxese ao Goberno no senso de que aclare e precise as previsións que manexa para impulsar as liñas ferroviarias Lugo-Sarria-Monforte e Lugo-Santiago, así como se pretende dar marcha atrás na previsión de deixar a provincia sen Alta Velocidade, ao non construir a Estación Intermodal que Fomento tiña proxectada para a capital.

En segundo lugar, pide que o Executivo concrete cando prevé rematar as autovías que conectan a cidade con Santiago e Ourense. “Son infraestruturas básicas para a nosa provincia. Así o demandaron os cidadáns e nós asumimos o compromiso de trasladalo a quen corresponde. Agardamos que o Goberno non lle dea as costas aos veciños, pois con estas actuacións, ademais de impulsar a provincia socioeconómica e industrialmente, permitirá crear postos de traballo, atallando así o principal problema que temos, o paro”, insiste a socialista.

Propostas da Mariña
Por outra banda, e en resposta ás propostas dos habitantes da Mariña, interésase pola mellora e os prazos de acondicionamento das vías de acceso ao núcleo urbano de Foz e pola sinalización da rede viaria estatal de Viveiro e de todos os concellos da Mariña na autovía do Cantábrico.

“A Mariña é un dos motores fundamentais da provincia de Lugo, pois a súa actividade económica supón unha aportación moi elevada ao Produto Interior Bruto lucense. Por iso, cremos que o compromiso do Goberno con esta comarca é irrenunciable”, conclúe.

Exit mobile version