Site icon Crónica3.com A Mariña

Que pasa cos orzamentos en Burela?

Segundo a normativa actual que afectan ós concellos para a elaboración, aprobación e execución dos orzamentos e demais actuacións que afecten os gastos ou ingresos deben someterse ós principios de estabilidade orzamentaria e que a cuestión financeira sexa sustentable.

Tamén se debe cumprir coa chamada Regra do Gasto (que a variación do gasto computable non supere unha taxa de referencia do crecemento anual do PIB).

Esta normativa, que afecta negativamente a autonomía de funcionamento das entidades locais foi imposta polo Goberno Central do PP. Independentemente de si estamos de acordo ou non con esta normativa o deber dos equipos de goberno dos concellos é cumprila.

O pasado 22 de xaneiro celebrouse un pleno ordinario no Concello de Burela onde se levaron, para o seu debate, dous puntos:
1.- Aprobación dunha addenda para un convenio.
2.- Aprobar o Plan Económico Financeiro orixinado polo incumprimento da Regra do Gasto na liquidación do orzamento do ano 2013.

Este incumprimento da Regra do Gasto foi detectada e informada pola intervención en febreiro do ano pasado ( a piques de cumprir un ano) e a normativa é clara cando di “o concello debe presentar un Plan Económico-Financeiro no prazo máximo dun mes dende que se constate o incumprimento, ante o Pleno da Corporación, que deberá aprobalo no prazo de dous meses, e a súa posta en marcha non poderá exceder de tres meses dende a constatación do incumprimento”.

Total, o Plan económico tiña que estar rulando dende o pasado mes de maio do ano 2014 e debería aplicarse ese mesmo ano e no presente 2015. Queda en evidencia que o equipo de goberno co alcalde en posición destacada incumpriu as súas obrigas de maneira impecable. Isto, que en si mesmo é moi grave, condiciona a elaboración dos orzamentos xa que se deben axustar o Plan económico que aprobaron tarde, mal e arrastro o goberno municipal do PP no último pleno ordinario.

O goberno do señor Barcia caracterízase por acumular informes negativos e reparos procedentes dos técnicos do concello o que indica que hai certa predisposición a gobernar con mentalidade de monarquía absoluta. O non cumprir coas súas obrigas desprezan ós veciños de Burela que son vítimas colaterais dunha mala xestión.

Os orzamentos para o ano 2015 xa deberan estar aprobados hai tempo. Moitas cuestións que interesan ao conxunto dos veciños figuran nos orzamentos ( políticas sociais, investimentos, servizos, educación, sanidade, proxectos, etc.) e a estas alturas do curso está todo por determinar.

Nunca na historia do Concello de Burela se tardou tanto na elaboración dos presupostos. Entenden o por que?

Alfredo Llano García.

Exit mobile version