Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle a representación dun clásico de Darío Fo

teatro-morcegoTeatro do Morcego volve cunha nova versión de ‘Misterio cómico’ ou orixinalmente ‘Misterio Bufo’, co que vén de recibir o premio FETEGA (Festival de teatro galego no Carballiño) 2014 ao mellor actor. Tendo acadado tamén dous premios Compostela no ano 92 ao Mellor actor para Celso Parada e Mellor director para o director portugués Júlio Cardoso, e volve con motivo de celebralo XXV aniversario da fundación da compañía creada en 1988 como Morcego Escola de Teatro e no 1989 como CIA profesional.

Escrito na súa primeira versión en 1969, continuamente representado e modificado en función da resposta do público, Misterio bufo está considerado xunto con “Morte accidental dun anarquista“ a obra máis importante de Dario Fo. Deste xeito, “Misterio bufo“ a carón de “Morte accidental dun anarquista”, é o texto de Fo máis representado prácticamente en tódolos países e linguas do mundo, e, ao mesmo tempo, o máis odiado e combatido desde as altas instancias vaticanas.

Fo quere contar a verdadeira historia, a do pobo, a que foi sempre marxinada pola cultura oficial, manipuladora e hipócrita. Indignado pola terxiversación que os popes culturais fixeron deste feito como doutros temas, reivindica o verdaderio coñecemento dun elemento esencial da cultura italiana, como é a súa tradición oral e escrita de teatro popular.

De feito di: «Máis que un longo paso cara atrás, dei un salto mortal ao revés, no sentido de que evitei rastrear as orixes con actitude de arqueólogo. Procurei tamén o medieval que asoma en Moliere e na Comedia da Arte, en toda esa riqueza o que estes comediantes fixeron da lección medieval de entreter ao público». Nas introducións ás diversas escenas da obra, Fo deixa moi clara a diferenza entre a cultura aristocrática, elitista e allea á realidade, e a extraordinaria forza comunicativa desa cultura popular que en toda a súa vida de autor, actor, director, de artista comprometido na fin, non se ten cansado de invocar, reivindicar e reinventar para falar de temas do noso tempo.

A representación terá lugar o domingo 1 de marzo no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo a partir das 20.30 horas. As entradas teñen un prezo de 4 euros, as xerais, e 2 euros, as reducidas.

Exit mobile version