Site icon Crónica3.com A Mariña

Senra esixe á UE políticas que creen emprego apoiando e recuperando os sectores produtivos

Bruxelas, 10 Febreiro 2015. Na mañá de hoxe a Comisión Europea presentou no pleno do Parlamento Europeo o aceleramento da “Iniciativa Europea en favor da Xuventude” –tamén denominada “Iniciativa sobre emprego xuvenil”/ “Garantía Xuvenil da UE”-, dado a coñecer publicamente o pasado mércores, no que plantexa o avance de mil millóns de euros para paliar o alto desemprego xuvenil do que adoece nestes momentos o territorio comunitario, no que “un de cada cinco mozos e mozas non teñen emprego remunerado, cinco millóns en total”, segundo salientou hoxe a Comisaria de Asuntos Sociais, Aptitudes e Mobilidade Laboral, Marianne Thyssen.

Na Galiza, segundo datos da EPA, dúas de cada tres persoas mozas de entre 16 e 29 anos non teñen traballo remunerado (aproximadamente o 66%). No Estado español, esta situación afecta ao 51,8% das persoas menores de 25 anos.

A eurodeputada da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, presentou na Eurocámara no marco deste debate a situación na que nos atopamos no noso país, “máis de cen mil mozas e mozos tiveron que emigrar para atopar traballo fóra da Galiza”. Outra grande parte da mocidade, proseguiu, “está traballando nunha situación de precariedade tremenda que convérteos en ‘traballadores e traballadoras pobres’, e outras moitas e moitos non tiveron nunca nin tan sequera a posibilidade de traballar”.

Non obstante, e a diferenza da maioría de intervencións realizadas no pleno, a eurodeputada galega deixou ben claro que a inxección económica para facer fronte ao desemprego é tan só unha medida superficial, case que cosmética, xa que, con respecto ao caso galego “no noso país hai unhas causas fondas para esta situación de desemprego xuvenil: as políticas neoliberais”, sendo esta unha análise totalmente extrapolábel ao resto de países da UE.

Estas políticas, na Galiza, “destruíron sectores produtivos básicos como a pesca e como a agricultura, destruíron un sector estratéxico na nosa economía como é o sector naval e destruíron e deslocalizaron o tecido empresarial”. Aliás, “a partir do 2008 esta situación viuse agravada inda máis por mor das políticas de austeridade e a débeda contraída polos Gobernos”.

Polo tanto, dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa demandamos unha actuación da política comunitaria “que vaia ao fondo do problema, sen eludir responsabilidades e ca conciencia de que este é un problema estrutural, intensificado por mor da inherente depredación social intrínseca ás políticas capitalistas neoliberais”.

Exit mobile version