Ribadeo, 20 de febreiro de 2015. O alcalde, Fernando Suárez, acusa á Xunta de actuar con maldade suprema e con maledicencia co Concello ao que lle reclama 3.690 euros por cada usuario do centro de día. Para o rexedor “o que quere o goberno galego é que participemos no financiamento de servizos, que non son da nosa competencia”. Suárez Barcia asegura que o convenio que lle propón asinar a Xunta “é unha absoluta afrenta contra a legalidade vixente, contra Ribadeo e contra os veciños e as veciñas deste concello”.
O rexedor referiuse “a este borrador de convenio que está a mandar a Xunta para os diferentes Concellos que temos diversos servizos no Consorcio de Servizos Sociais, que agora se pasa a chamar Axencia Galega de Servizos Sociais. Concretamente aquí temos o centro de día, o edificio é municipal e o Concello comprométese desde hai anos a contribuír cun terzo dos gastos de mantemento, etc, etc. Pero a partir de agora nos esixirán, aos Concellos coma o de Ribadeo, un total de 3.690 euros por cada usuario do centro de día”.
Para Fernando Suárez “isto trastoca absolutamente a legalidade vixente, imposta polo goberno do Estado, na que os servizos sociais pasan a ser competencias impropias dos Concellos e recae a competencia en materia de servizos sociais na Xunta de Galicia, pero como a Xunta está a actuar cunha maldade excelsa e suprema e con maledicencia en todo o que están a facer. Agora resulta que queren que os Concellos participemos no financiamento de cuestións que non son competencia nosa, senón que o son da Xunta por lei, pola lei aprobada hai un ano e pico polo goberno de Mariano Rajoy”.
O alcalde dixo que “ademais queren obrigarnos a asinar un contrato de adhesión e están a levar a cabo prácticas mafiosas. Din que si nos adherimos a este convenio nos condonan unhas supostas débedas que os Concellos podemos ter con eles, pero se non o facemos seguramente nos detraian esas supostas débedas dos fondos que o goberno galego nos transfire periodicamente aos Concellos. E isto que eu estou a dicir tan alto e tan claro é o que din moitos dos alcaldes do PP cos que estou a falar, pero como teñen obediencia debida non se atreven a cuestionar en público o que me comentan a min en privado”.
Suárez Barcia considera que “isto é unha absoluta afrenta contra os veciños e veciñas deste Concello, contra a autonomía municipal, contra a legalidade vixente e en contra, e eu falo coma ribadense, de Ribadeo. A señora conselleira, o goberno galego en pleno e o presidente da Xunta só se preocupan de Ribadeo para enredar e para facer mal. E no tocante aos servizos sociais para desmontar e para poñer paus nas rodas sistematicamente, pero con todo e a pesares da maldade e da maledicencia coa que están a mandar todos estes escritos sobreviviremos, subsistiremos, a residencia farémola, poñerémola a funcionar e os servizos sociais non se verán resentidos a pesares dos paus nas rodas que nos seguen a poñer”.