Site icon Crónica3.com A Mariña

O mindoniense Antonio Reigosa coordina un libro co que celebrar o décimo aniversario da web Galicia Encantada

libro-galicia-encantadaA web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia (http://www.galiciaencantada.com) ten posto en marcha dúas iniciativas para celebrar o seu décimo aniversario da na rede desde marzo 2005.

Por unha banda, renovouse a estética e a organización dos contidos da web que agora conta con nova imaxe con debuxos de Noemí López; novas seccións con posibilidade de interactuar como “Aulas do Imaxinario” ou o “Mapa de Galicia Encantada”. Ademais, mellorouse a presentación das categorías de sempre, coa axuda de Desarrolllos Lugonet.

E, por outra banda, Edicións Xerais publica o libro “Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías”, unha edición con ilustracións de Noemí López pertencente á colección LibroX.

Son 101 relatos en coautoría con 52 autores e autoras, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía , Isidro Novo ou Adela Figueroa.

A xeografía dos relatos é practicamente toda Galicia e a temática a dos contidos habituais da web. Entre os relatos algunhas xoias descoñecidas como “A verdadeira historia da capadora de Cuntis “A Lorena Bobbit galega”, de Marcos Seixo Pastor, “O conto do lobo incendiario” do escritor zamorano-galego Xabier López Rodríguez, lendas urbanas que tratan do roubo de órganos, de construtores suicidas, do significado ou linguaxe das zapatillas que se colgan dos cables eléctricos, as referencias galegas da historia do home santo que é quen de colgar o seu abrigo da “vara de sol”, as propiedades da “Man de Gloria”, o amuleto que se fabrica coa man dun aforcado.

En fin, lendas, contos, xogos, romances e relatos de ánimas e medo, remedios tradicionais e dous poemas orixinais da autoría de Marta Dacosta e Antonio García Teijeiro que se inspiran no lendario popular galego tradicional, unha poesía verdadeiramente escasa na produción literaria galega.

A primeira presentación do libro terá lugar en Lugo, na Librería Trama, o martes 10 de febreiro a partir das 19.30 horas.

Neste acto intervirán a ilustradora, Noemí López, o editor, Manuel Bragado, o autor e coordinador da edición, Antonio Reigosa, e os coautores lucenses da obra J. Manuel Blanco Prado, José Mª Carricoba, Mª Celina Cruz, Adela Figueroa, Xose Mª Gómez Vilabella, Xabier Moure e Isidro Novo.

Exit mobile version