Site icon Crónica3.com A Mariña

Un traballo do IES Perdouro gaña o Concurso de Educación Sen Fronteiras

Un grupo de dez alumnos e alumnas de 3º de ESO acaban de gañar o certame convocado por EDUCO-Educación sen Fronteiras para traballos de todo o Estado español centrados nun modelo educativo inclusivo.

A Mención Especial do xurado foi para “Rumotics”, un traballo presentado pola Fundació Comtal- Centre Obert Tria (Barcelona) “pola súa especial calidade e transmisión da mensaxe”. Outros catro documentos audiovisuais recibiron o premio por votación popular: Escola Marillac (Barcelona); o Centro CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos (Pontevedra); a Asociación Margotu (Bilbao); xunto co do IES Perdouro.

O equipo de Burela realizou en Radio Burela unha cuña radiofónica con dúas partes: a primeira locutada en caboverdiano e a segunda coa súa adaptación para o galego. O equipo pedagóxico do IES Perdouro fai súas as palabras de EDUCO/ESF e coincide coa ONG en que “este é o mellor dos premios, unha infancia e unha xuventude implicada na construcción dunha sociedade xusta, igualitaria e inclusiva que non só comprende o diferente senón que se empapa e aprende para entre todos e todas lograr un mundo mellor”.

Os premios consisten en certificados para o alumnado que realizou o traballo, así como equipamento deportivo/lúdico valorado en 500 euros para o centro participante.

O IES Perdouro quere dar as grazas a Radio Burela e ás 688 persoas que apoiaron esta fermosa experiencia: o alumnado e o profesorado dos institutos de Burela, as familias dos adolescentes implicados e moitos dos participantes nas redes sociais do programa de radio educativa.

Exit mobile version