Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha vintena de artistas mariñáns renderanlle homenaxe ó debuxante Suso Peña no décimo aniversario do seu pasamento

Ribadeo, 6 de febreiro de 2015. O vindeiro 14 de febreiro ás 18.00 horas será inaugurada na OMIC unha exposición en homenaxe ao debuxante ribadense Suso Peña. Está organizada por varios artistas da Mariña e conta coa colaboración Concello.

O artista barreirense Celso Dourado explica que“isto xurdiu a raíz de que se cumpre o décimo aniversario da morte de Suso Peña. Co gaio desta efeméride xuntámonos un grupo de artistas e de amigos que convivimos e aprendemos con Suso para dalgunha maneira manter a súa memoria. Hai unha media de 17 ou 18 artistas que nos imos xuntar para renderlle esta homenaxe e facer esta exposición na nova Oficina de Turismo de Ribadeo. A exposición abrirase o 14 de febreiro, ás 6 da tarde, coa presenza das autoridades municipais e estará ata finais de mes. Na presentación tamén contaremos coa colaboración desinteresada duns músicos de corda da Banda de Música de Ribadeo e coa presenza de xente vinculada ao entorno da arte no contorno de Suso Peña”.

Dourado dixo que “nesta exposición estaremos todos os que convivimos e aprendemos con Suso e vai haber unha gama moi ampla, dende a escultura de Puchades e Caxigueiro, ata a fotografía de Fernando Paes ou Toni Deaño ou a pintura de xente coma Guerreiro, Vizoso, Mauro Leivas e eu mesmo. Tamén haberá fotografías de Jaime Pola, David Peña, Diego Casado e unha amalgama de arte que dalgunha maneira tamén practicaba Suso Peña en todos estes campos”.

Celso Dourado subliñou que “Suso Peña é unha tremenda figura relevante do cómic e da historieta dos anos 60, 70 e incluso 80, no mundo do cómic español. É dicir, personalidades como Miguel Anxo Prado viñeron coñecer a Suso Peña a Ribadeo e el fixo unha achega tanto nacional no estado español, coma internacional a nivel de Europa. A obra de Suso Peña é tremendamente coñecida, aínda que caeu un pouco no esquecemento debido á decadencia do mundo do cómic e da historieta, pero o que é tremendamente relevante é o seu compromiso coa vila de Ribadeo. Que dicir ten a cantidade de obra que deixou tanto no campo do deseño, coma da ilustración, a fotografía, o retrato… En fin, é un campo inmenso, e de aí que os que o coñecemos e nos consideramos alumnos seus pretendamos que a súa figura non caia no esquecemento”.

Exit mobile version