Site icon Crónica3.com A Mariña

Vitoria para os Billardeiros Musicais nun Mondoñedo colorido

billarda-disfrazA gran cantidade de disfraces, grupos, charangas, parellas…, que se deron cita en Mondoñedo para tomar parte no desfile de Entroido, espantaron o persistente barruzo que ameazaba con botar por terra o traballo de tanta xente amante da troula.

De feito, o desfile deu comezo coa participación especial dun trouleiro-billardeiro que logo da súa participación a fume de carozo no aberto de billarda, tirou co palán e pillou as maletas para xunguinse ó pintoresco desfile. O que levaba dentro das maletas queda o maxín de cada quen. Disque malia os indicios de fuga, non traspasou a fronteira e xa está de volta preparando o Aberto de San Rosendo.

A carón do desfile, na Alameda dos Remedios, medio cento de palanadores loitaban por se facer coa vitoria na VIII xornada da LNB que se estaba a disputar e sen que o paso das máscaras interrumpira o desenvolvemento do xogo, os palanadores aproveitaban os momentos de espera para botar un ollo a tanto colorido que fixo desta unha xornada moi especial e vistosa.

Chegados do NorOeste e representando ós billardeiros de Laracha, disfrutamos da compaña de dous grandes palanadores: Xosé Collazo e Xulio Vilas, que xa nos tiñan acompañado noutras ocasións e quixeron acompañarnos de novo. Graciñas pola visita.

Xa no que é a competición, tanto “O Cadaval” coma “Carabullo de Teixo, apertaron os puños e puxeron moi difícil a vitoria dos “Billardeiros Musicais” que tiveron que sudar para finalmente impoñerse con 31 puntos por 30 dos seus contrincantes máis directos.

No eido individual, e como non podía ser doutro xeito, tres plenos. Cada un dos equipos punteiros colocou un representante no desafío final. Tres finalistas que quedaron en dous xa que Charli de “Carabullo de Teixo” tivo que marchar e quedou por tanto relegado á 3ª praza.

En tres carreiras Daniel de “Billardeiros Musicais” gañou e acadou o primeiro posto por riba de Pepe Vidal de “O Cadaval” que foi segundo.

A famosa tarta de Mondoñedo, en tres formatos distintos, foi entregada como trofeo ós gañadores do Aberto; mentres que o equipo gañador recibía un botelo da Fonsagrada.

Agardamos por todos na nova enganchada ALLS STAR 2015 en O Pino – Santiago o vindeiro 14 de marzo.

As clasificacións logo da sétima xornada quedan así:

Individual
Markytos 71 p., Daniel 70 p., Kiko 57 p., Charli e Cortón 55 p.

Equipos
Billardeiros Musicais 269 p., O Cadaval 251 p. e Carabullo de Teixo 212 p.

Varados
Markytos 13, Charli 7, Daniel 5, Santi 4, Tonecho 3.

Exit mobile version