Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Viveiro chama a reivindicar a figura da muller en dúas charlas sobre premios cinematográficos e os tabús sexuais

“Como muller e como alcaldesa, por pertencer á escasísima porcentaxe que mulleres que ostenta un cargo público -mostra inequívoca de que aínda queda moito por facer-, quero sumarme á conmemoración do Día Internacional da Muller apoiando a loita da muller pola súa participación na sociedade, sen discriminación e sen desigualdade, garantindo o seu desenvolvemento íntegro como persoa. Tristemente, a día de hoxe, aínda son numerosas as reivindicacións que cómpre realizar para acadar un mundo mellor, máis xusto e igualitario; hoxe e todos os días do ano é necesario loitar, traballar e sumar esforzos para erradicar a mutilación xenital, a violencia de xénero, a desigualdade laboral, etc.”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

“Con todo, consciente de que o camiño que aínda queda por percorrer é duro e longo, esta data debe servir, así mesmo, para celebrar os logros obtidos e valorar o traballo de miles e miles de mulleres que loitaron por acadar uns dereitos dos que hoxe gozamos; a todas esas mulleres, grazas!”, engade a rexedora.

Dende o Concello de Viveiro queren conmemorar esta data coa celebración de dúas charlas coas que se pretende facer reflexionar sobre o papel da muller no cine e a educación sexual. Na primeira delas, que terá lugar o martes 10 de marzo, a actriz galega Estivaliz Veiga falará sobre as mulleres gañadoras dun premio Óscar e na segunda, o mércores 11, a matrona Beni Martí falará sobre os tabús sexuais na educación da muller; ambas charlas terán lugar na sala multiusos da casa do concello, ás 20.30 horas.

María Loureiro, remata sumándose ao lema escollido este ano polas Nacións Unidas para conmemorar esta data: “Empoderando ás Mulleres, empoderando á Humanidade ¡Imaxínao!”.

Exit mobile version