Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que “Sanidade inicia os trámites para reducir a 12 as enfermidades a detectar por cribado neonatal”

O Real Decreto Lei 16/2012, ademais de acabar co acceso universal á sanidade, estableceu a separación da asistencia sanitaria en carteira común básica (sen repagamento), carteira común complementaria (con repagamento de parte do custe), carteira común accesoria (con repagamento da totalidade do custe) e carteira complementaria autonómica (na que cada comunidade autónoma decide qué financiar).

A Orde SSI/2065/2014 regula por primeira vez qué ten que cubrir a carteira común básica en 3 aspectos: reprodución humana asistida, cribado oncolóxico (cancro de mama, cancro colorrectal e cancro de cérvix), e cribado endocrino-metabólico neonatal.

No caso do cribado endocrinometabólico neonatal establece que so se realizará a detección de 7 enfermidades, sendo potestade de cada comunidade autónoma incrementar o número de enfermidades dentro da carteira complementaria autonómica.

Na Galiza o servizo de diagnóstico e tratamento de metabolopatías, que iniciou a súa andadura no 1978, foi sempre pioneiro dentro do estado español. No 2015 foi nomeada unidade de referencia polo Ministerio de Sanidade (unha das 7 que existen no estado). Até o de agora podía diagnosticar 40 enfermidades distintas, porén a consellaría de Sanidade pretende reducir o cribado neonatal a tan só 12, deixando fóra máis de 28.

A CIG-Saúde denuncia que a falta dun estudo que facilite a identificación precoz destas enfermidades (galactosemia, acidurias…), fará que os/as pacientes teñan que presentar síntomas e os/as pediatras sospeitar o diagnóstico, para serlle solicitada a proba correspondente., Alerta de que isto conlevará que estes nenos e nenas “sexan diagnosticados cando teñen xa secuelas irreversibles, cunha calidade de vida peor para elas/ eles e as súas familias, e cun peor prognóstico vital”.

Unha vez máis a Consellaría é “insensible” ás necesidades dos e das pacientes e as súas familias, prevalecendo na súa toma de decisión “criterios economicistas, que van en contra dos obxectivos irrenunciables dunha sanidade pública de calidade”. Por iso exixe que se manteñan as prestacións sanitarias existentes.

Exit mobile version