Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG gaña as eleccións sindicais do persoal laboral do Concello de Ribadeo

Nas eleccións sindicais celebradas este martes 17 de marzo no Concello de Ribadeo, a CIG obtivo a maioría dos delegados do Comité de Empresa.

O persoal laboral do Concello de Ribadeo celebrou este martes as eleccións sindicais nas que renovaba o seu Comité de Empresa. Para este proceso estaban convocados 71 traballadores e traballadoras, dos cales exerceron o seu dereito de voto 55, o que representa unha participación de case un 78%.

O escrutinio deulle á Confederación Intersindical Galega 40 votos o que supón un 73% dos votos efectivos. A candidatura do outro sindicato que participaba nestas eleccións, CCOO, obtivo 13 votos o que representa un 24% dos votos (houbo dous votos en branco).

Traducidos estes votos a delegados, a CIG conseguiu catro delegados no Comité de Empresa, dous no colexio de técnicos e administrativos e dous no colexio de especialistas e non cualificados. O quinto membro do comité é o representante de CCOO dentro do colexio de especialistas e non cualificados.

Dende a Confederación Intersindical Galega queremos agradecer o apoio dos traballadores e traballadoras do Concello de Ribadeo.

Exit mobile version