“Xa anunciaramos que, á vista do enorme éxito da primeira edición do Ben Empregado!, que superou amplamente calquera expectativa, pois recibimos solicitudes de 395 entidades e 3.297 lucenses desempregados; lanzaríamos unha segunda edición do programa. Como o noso desexo é chegar ao maior número de desempregados posible, nesta edición aumentamos o investimento con respecto á primeira, pasando de 4,4 millóns a 6 millóns de euros, o que permitirá a participación de aínda máis empresas e máis lucenses desempregados, ata chegar a crear eses 350 postos que lles comentaba”, remarcou Besteiro.
Emprego de calidade e axeitados ás necesidades
O organismo provincial subvencionará novamente ás empresas a totalidade dos custes salariais e de Seguridade Social dos traballadores durante un ano, con achegas de ata 22.000 euros por persoa, sendo a maior axuda que concede unha administración en Galicia para fomentar a contratación do persoal. “Serán empregos de calidade, porque as entidades beneficiarias terán a obriga de incorporar cláusulas sociais en todos os contratos, blindando os dereitos dos traballadores. E serán tamén axeitados ás necesidades reais da provincia, unindo directamente a oferta coa demanda logo de escoitar aos tecidos asociativo e empresarial”, salientou o Presidente.
Prazos e criterios
O Ben Empregado!2 xa comezou, pois o venres pasado a Xunta de Goberno da Deputación aprobou as bases. Estas publicaranse maña no BOP. O mércores 1 de abril abrirase un prazo de 15 días naturais para que as entidades interesadas presenten a documentación. Estas poderán ser autónomos, PEMES, CBS, asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro. A Vicepresidenta Segunda explicou que o primeiro paso será a selección destas entidades e asociacións, que se realizará novamente polo procedemento de concorrencia competitiva. Para iso, unha Comisión Técnica de Valoración será a encargada de puntuar todas as solicitudes en función dos criterios sinalados nas bases, entre os que están, por exemplo: o número previo de traballadores cos que conten as entidades, puntuando máis alto aquelas que conten con menos persoal; o seu domicilio fiscal, dando maior puntuación ás que o teñan en Concellos de menos de 5.000 e 2.000 habitantes; ou o grao de compromiso para continuar os contratos posteriormente, “de xeito que tamén contribúamos a favorecer aínda máis a estabilidade laboral”.
Perfís
As entidades beneficiarias poderán contratar ata un máximo de 2 persoas para que o reparto sexa o máis regular e equitativo posible. Serán as propias entidades beneficiaras as que determinen os perfís dos traballadores, atendendo a criterios non sexistas e non limitando a idade que deben ter o persoal. Ademais, tampouco se poderán ser seleccionados ningún traballador que nos últimos 6 meses tiveron relación contractual coa entidade beneficiaria, a excepción de aqueles traballadores afectados por procedementos de regulación de emprego.
Unha vez determinadas as entidades beneficiarias, a Deputación iniciará a selección dos desempregados mediante convocatoria pública, os cales só terán que cumprir un requisito: ser desempregados.