Trátanse de dúas vías que están unidas, que vertebran o Concello de Alfoz e que fan de principal acceso ao aserradeiro ou á gardería municipal, ademais de seren as estradas máis empregadas para ir dende este municipio ata o de Foz. Rexistran abundante tráfico, chegando a transcorrer ata 200 camións ao día. Discorren polas parroquias de Seara, Carballido e O Castro, polo que os 800 habitantes destas localidades as empregan a cotío.
Lara Méndez presentou hoxe o proxecto de obras destas vías, que redactou a Deputación e que aprobará este mes a Xunta de Goberno Provincial xunto ao inicio do proceso de contratación; e avanzou as actuacións que contempla e que arrancarán en abril. Trátanse da mellora do firme con aglomerado en quente e da sinalización horizontal e vertical, ademais da limpeza de cunetas. Actuarase en máis de 2 quilómetros e en dous treitos. Estes son: na LU-P-0202, de San Acisclo a Oiras, dende o punto quilométrico 3,650 ao 5,050; na LU-P-0210, de San Acisclo, por Allegue , con San Antonio, dende o 3,270 ao 3,910.
A Vicepresidenta, que estivo acompañada polo Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, tamén supervisou a estrada LU-P-0207, onde a Deputación estuda levar a cabo melloras ao seu paso por O Pereiro.
Máis actuacións
A través do Plan de Rebacheo que está en marcha na rede viaria provincial, a Deputación supervisará os 59 quilómetros de estradas provincias de Alfoz e acondiconará con rego asfáltico todos os puntos que o necesiten. Faino logo de investir 300.000 euros nas últimas anualidades en tarefas de mantemento. O organismo provincial tamén mellorou con aglomerado en quente máis de 4 quilómetros das seguintes vías provinciais deste municipio: LU-P-0204, de Carrocid, por Arnela, a Tremoal; LU-P-0206, de San Antonio, por Vilaude, á Grela, e a LU-P-0207 de Reirado á Cancela de Mel. Mediante o Plan de Obras e Servizo 2015, a Deputación financia con 14.000 euros a rexeneración do pavimento no camiño de acceso a Galea, que é municipal.