Site icon Crónica3.com A Mariña

A estrada da discordia

Carlos Fernández Louzao.- Témoslle que dar as grazas a Feijoo e ao noso Señor alcalde por facer tan grande distinción coa poboación de Xove, por facernos unha “vía de alta capacidade” que nos fará chegar antes aos sitios co coche; antes si, pero antes a Beltrán ou a Area! Porque claro, por moi ben que quede, en canto cheguemos a Beltrán ou a Area, rematou o bo, porque para un lado Viveiro co seu tráfico infernal en tempos de verán, e pasado Viveiro, tira cara Ferrol por esa estrada que ten máis curvas que a que leva a Penasagudas, que por certo tamén lle temos que dar as grazas ao señor Salgueiro por incumprir o seu programa electoral de 2011, onde literalmente dicían: “Proxectos e actuacións prioritarias: Negociar coa Deputación para mellorar a rede viaria do concello”, porque non sei se negociaron ou non, pero as únicas negociacións que serven en política son as que acadan resultados, e visto que mellorar non a melloraron nadiña, será que non houbo resultados, e boa falta facía…

E por outro lado, a estrada desde O Castelo á Cruz do Lobo, que calquera que pase por ela para coller a autovía pode “gozar” cos innumerables baches, buratos e fochancas cos que conta. Como pode ser que unha estrada que leva o tráfico dos portos de Burela e Celeiro, de todos os camións da madeira que van a Asturias desde todo o norte do país, de todas as mercadorías que move Alcoa ou empresas coma Pescados Rubén, e de todas as empresas que ten A Mariña esteña en tan mal estado?

Por iso, que agora veñen as eleccións e veremos como se chufan os uns aos outros por esa vía que nos sacará “voando” do concello, pero lembremos que tan só ata os límites do concello, que ao chegar a eles, volveremos á realidade da estrada intransitable da costa.

En conclusión, as vías de comunicación son chaves para o desenrolo da comarca e hai que melloralas xa, todas, non só o tramo de estrada que pasa por Xove.

Carlos Fernández Louzao.

Exit mobile version