Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña contará con 4 obradoiros que darán emprego a 80 persoas

Lugo, 30 de marzo de 2015. A delegada territorial, Raquel Arias, anunciou este luns que a provincia de Lugo contará con dez obradoiros de emprego no que estarán implicados 26 concellos. A Consellería de Traballo e Benestar dedicará a esta iniciativa 1.794.450,83 euros, que proporcionará emprego a 202 persoas desempregadas maiores de 25 anos, ás que hai que sumar o persoal de dirección, administración e monitores responsables de impartir a formación.

Os obradoiros terán unha duración de seis meses, durante os cales os alumnos traballadores perciben un salario e adquirirán unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral. A data límite para o inicio dos obradoiros será, con carácter xeral, o 30 de setembro de 2015.

“Esta filosofía de aprender traballando permite ademais que os obradoiros realicen obras e servizos de interese para os concellos que os albergan e, algo moi importante, fomenta a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais responsables de promover estas iniciativas”, segundo salientou a delegada territorial.

Tamén subliñou Raquel Arias que “os participantes nos obradoiros acadan unha taxa de inserción laboral importante, dado que están enfocados a profesións que presentan unha notable demanda no mercado de traballo”. Ademais, engadiu, “o tipo de formación, eminentemente práctica, facilita a opción do autoemprego”.

A Consellería de Traballo e Benestar destina en toda Galicia 10,2 millóns de euros á posta en marcha destes obradoiros. A inversión ten carácter bianual, destinándose 7,7 millóns para 2015 e 2,5 millóns para 2016.

Nos vindeiros días procederase tamén á avaliación das propostas presentadas para a posta en marcha de obradoiros dirixidos a persoas menores de 25 anos, denominados YEI, e que supoñen unha novidade na convocatoria deste ano. Esta iniciativa está incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil e contará cun orzamento de 4,7 millóns de euros.

O que quere dicir que, en conxunto, a Xunta de Galicia investirá preto de 15 millóns de euros ao desenvolvemento de máis de 70 obradoiros nos que se formarán 2.000 traballadores.

Reunida a comisión de valoración e de acordo cos criterios establecidos na orden de convocatoria, os expedientes mellor puntuados son:

Lugo, que contará con 23 alumnos e un investimento de 204.318,66 euros

Terra Chá (Vilalba e Abadín), 20 alumnos e 177.668,4 euros

Sendas de Burela, Cervo e Xove III (Cervo, Burela e Xove), 20 alumnos e 177.668,4 euros

O Muiño (Sarria), 19 alumnos e 168.784,98 euros

Pardo de Cela II (Foz, Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro), 20 alumnos e 177.668,4 euros

Camiño da Chaira II (Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei), 20 alumnos e 177.668,4 euros.

Sillor II (Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Quiroga), 20 alumnos e 177.668,4 euros

Ponte de Neira V (O Páramo, O Corgo e Guntín), 20 alumnos e 177.668,4 euros

Serra da Cadeira II (Barreiros, Lourenzá e Trabada), 20 alumnos e 177.668,4 euros

Río Sor III (O Vicedo, Ourol e Muras), 20 alumnos e 177.668,4 euros

Exit mobile version