Site icon Crónica3.com A Mariña

A presentación dun libro e un concerto-recital para conmemorar o 8 de marzo en Ribadeo

A Concellaría de Igualdade e o CIM organizan, dentro da programación conmemorativa do 8 de marzo, unha charla presentación do libro Comer para vencer el cáncer. Será impartida pola doutora Paula J. Fonseca no Cine Teatro mañá venres, 6 de marzo, ás 20.30 horas.

A edil Mariluz Álvarez Lastra subliña que “esta charla vai dirixida á poboación en xeral e de maneira especial ás mulleres de Ribadeo e a súa comarca. Na mesma, a prestixiosa oncóloga compartirá consellos para alimentarse axeitadamente. Tamén falará sobre as plantas medicinais e as súas propiedades buscando evitar a enfermidade a través da comida sa”.

E dentro dos actos para conmemorar o 8 de marzo a Concellaría de Igualdade e o CIM organizan tamén un concerto-recital de música tradicional en clave feminina que ofrecerá o grupo Eudemónicas. A actuación terá lugar o sábado, 7 de marzo, ás 20:30 horas no Cine Teatro.

Segundo explican desde o CIM “este grupo presenta nas súas actuacións un formato didáctico e un percorrido variado polas músicas tradicionais e o papel que nela xogaron as mulleres. Queren transmitir un recoñecemento ás portadoras de saberes”. E engaden: “inclúen sonoridades distintas: vogais, de corda, de vento ou percutidas. Grandes e pequenos fragmentos musicais coas historias que os acompañan”.

Exit mobile version