“Xa tiñamos ganas de volver á competición e demostrarnos que podemos render coma na Copa cunha regularidade. Ese é o obxectivo, manter o nivel de rendemento ofrecido en Cidade Real ante Movistar e Jaén” falaba así Juanlu, con satisfacción. Ao Burela FS quédanlle cinco finais ata o remate ligueiro para cumprir con esa meta: “As contas son gañar os cinco encontros, de un en un. É coma unha segunda Copa; se non vencemos no primeiro, o seguinte xa non serve” facía así referencia o adestrador á cita cos de Tenerife, sendo cauto. “A nosa maior preocupación é o noso equipo; enfrontámonos a un club con grandes dificultades, pero os partidos gáñanse na pista. Afrontamos a cita con respecto e se non xogamos ao cento por cento non gañaremos”, advertía.
Os lesionados Jorge Bellvert e Isi aínda continúan os seus respectivos procesos de recuperación.
Vista Alegre gardará un minuto de silencio antes do asubío inicial en memoria dos falecidos no accidente aéreo de Germanwings ocorrido esta semana nos Alpes, no que viaxaban 51 españois.
Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 9. Behroz, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 27. Renato, 29. Ángel, 30. Hélder
Prezos especiais
Nunha tarde cento por cento laranxa, con partidos de Primeira División RFEF e LNFS, o club habilitará entradas especiais. Para os socios e menores de idade a Tarde Laranxa será gratuíta; os adultos non socios poderán gozar dos dous encontros por tan só 5 euros.