O importe total das axudas non variou con respecto ás convocatorias dos últimos catro anos, manténdose a dotación orzamentaria en 70.000 euros. Tamén se continúa co aposta por valorar os dous mellores resultados da tempada e non só o mellor, como se facía ata o 2013, o que serve para quitarlle un pouco de presión aos deportistas. Salvo casos excepcionais, todos eles deberán acreditar ter competido nun mínimo de catro probas da modalidade deportiva pola que solicitan a bolsa (en campionato, liga, copa ou open). As citadas probas deben ter carácter oficial e estaren baixo o amparo da federación correspondente. “Manter este investimento supón un esforzo importante para a Vicepresidencia, e máis en concreto para a área de Deportes, pero permite cumprir cun dos obxectivos que sempre nos marcamos, como é a aposta polo deporte de base lucense e polos nosos deportistas. Dúas das prioridades sobre as que sempre xiran as medidas tomadas por este goberno son garantir o benestar social e fomentar o deporte”, apuntou o vicepresidente provincial.
Mínimo de 300 euros e máximo de 200 bolsas
As bases destas axudas establecen catro liñas segundo a ideade dos e das aspirantes: (A) ata os 16 anos, dotada con 40.000 euros; (B) entre os 17 e os 25 anos, dotada con 20.000 euros; (C) de 26 a 35 anos, ambos incluídos, dotada con 5.000 euros; (D) deportistas con capacidades diferentes –sen límite de idade- e aqueles menores de 36 anos que non puideron competir durante o ano 2014 por estaren lesionados, dotada con 5.000 euros. Concederanse un máximo de 200 bolsas e ningunha poderá ter un importe máximo de 2.000 euros e mínimo de 300. Cada deportista só poderá optar a unha única axuda, con independencia do número de modalidades deportivas que practique: “Empregaremos uns baremos estritamente deportivos, valorándose a participación e a clasificacións desde campionatos Provinciais ata Mundiais, incluíndo tamén os Universitarios”
O ano pasado adxudicáronse as 200 bolsas
Finalmente, Veiga concluíu a súa intervención resaltando que o ano pasado se adxudicou o máximo número posible de bolsas (200) desta liña de subvencións, “o que deixa ás claras a saúde do deporte lucense, pese ás trabas que reciben desde outras administracións”, indicou. Precisamente, o vicepresidente provincial salientou que “desde a Deputación estamos mantendo o tecido deportivo de provincial, que ve como a Xunta, ano tras ano, reduce ás subvencións neste eido”, lamentou. Así mesmo, Veiga avanzou que agardan que as bases sexan publicadas ao longo da vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia. “Desde o momento no que saian publicadas, os deportivas terán 15 días hábiles para presentar as súas solicitudes”, afirmou.
Concretamente, o ano pasado recibíronse un total de 315 solicitudes. Das 200 finalmente concedidas, 139 foron para o grupo A, de menores de 16 anos, o que supón un 75% do total. 54 corresponderon ao grupo B (de 16 a 25 anos), 4 ao C (de 26 a 35 anos) e 3 a deportistas con capacidades diferentes ou que acreditaran estar lesionados durante o 2013. “Estas bolsas teñen moi boa aceptación, cada vez son máis os solicitantes e aparecen novas modalidades deportivas. Nesta provincia temos practicamente cubertas case todas as modalidades e, en moitos casos, con moi bos resultados en todas as categorías e idades”, resaltou Veiga.