O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros organizou para este pasado luns unha charla adicada ao sector lácteo galego, na cal Antonio Oca e Francisco Sineiro falaron do pasado e futuro da PAC e do panorama que presenta o sector gandeiro nun futuro libre de cotas lácteas. Na sesión tomaron parte preto de medio cento de persoas, na súa maioría gandeiros que participaron de maneira activa nun coloquio final. A cita tivo lugar no bar “A Dulcería” de San Miguel de Reinante, formando parte do ciclo de charlas a realizar en bares do concello coa finalidade de contribuir á dinamización da hostalería de Barreiros.
A segunda sesión adicada ao sector agroforestal galego está citada para este xoves, 26 de marzo. Terá lugar no bar “Lozano” en Celeiro de Mariñaos ás 8 e media da tarde. Para esta ocasión, Ollomao convidou a Mar Pérez Fra, profesora da USC e a Mariam Ferreira Golpe, técnica forestal, a falar das posibilidades que ofrecen os montes galegos de cara a ser aproveitados como recurso para o desenvolvemento rural. Na sesión, ademais dunha parte introductoria na cal se expoñerán cifras da superficie de monte desaproveitado e perdas económicas que iso conleva, daranse a coñecer experiencias de éxito, mostra de qué alternativas ofrece o sector forestal e de qué xeito serven para o asentamento territorial e o futuro do rural galego.
Ao igual que nas charlas anteriores, a asistencia é libre e de balde, aberta a todas as persoas interesadas, e non sendo preciso apuntarse por adiantado.