Foi, segundo o tribunal, unha “desviación de poder”, que para ADEGA agochaba tamén un escandaloso trato de favor e un intento de malversación de cartos públicos.
Agora, case dous anos despois e por imperativo legal, o mesmo boletín oficial no que a Xunta publicou o famoso plano sectorial, recolle o fallo da sentenza que o anula. E os responsábeis daquela enorme chafallada administrativa, seguen as súas carreiras políticas como se nada.
A importancia dunha sentenza histórica
A sentenza do contencioso de Barreiros tivo na opinión de ADEGA unha enorme importancia e transcendencia para a sociedade galega:
-Xurídica: porque restauraba a vixencia da legalidade urbanística fronte á arbitrariedade da Xunta. De producirse unha legalización por esta vía, sería toda unha invitación a concellos e promotores para saltarse calquera normativa urbanística: os seus amigos na Xunta solventarían o problema a golpe de plano sectorial e cartos públicos.
-Social: porque reforzaba o principio de igualdade de todos fronte á lei. Se en Barreiros a Xunta retirou os contenciosos-administrativos interpostos que ela mesma promoveu, e tentou legalizar con fondos públicos actuacións urbanísticas ilegais, como explicar que noutros casos apliquen severas sancións e mesmo derrubamentos?
Democrática: porque fronte ás arbitrariedades deste goberno a sentenza permítenos seguir crendo na independencia do poder xudicial e na vixencia do Estado de dereito. Sen estes principios camiñariamos irremediabelmente cara un Estado anti-democrático.