Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Ermida afirma que “os anuncios de Feijóo despois de entrar pola porta de atrás de Hospital da Costa non llos cren nin os máis acérrimos seguidores”

burelaA Mariña, 18 de marzo de 2015. O BNG mariñao reafirmou o seu apoio á mobilización convocada para este xoves no Hospital da Costa de Burela contra o deterioro da sanidade pública en xeral e na comarca en particular. A formación nacionalista a través da portavoz comarcal Ana Ermida Igrexas, manifestou que“Feijoo na súa visita ao Hospital da Costa debera anunciar cambios na política de recortes executados na sanidade pública e a derrogación do Decreto de Xestión Integrada provincial para convertelo nun de ámbito comarcal como leva pedindo a sociedade mariñá desde fai tres anos”. “Cando un presidente da Xunta ten que entrar escoltado e pola porta de atrás, como o fixo hoxe Feijoo no Hospital da Costa, demostra ademais de covardía, nula capacidade para facer cribles os seus anuncios para mellorar a sanidade pública.

A entrada de Feijoo pola porta de atrás do Hospital da Costa para presentar o quinto anuncio de ampliación do Hospital da Costa, ante un público reducido con reserva previa para evitar enfrontarse ás protestas polos recortes sanitarios executados polo seu goberno, “demostra covardía e falta de credibilidade diante da sociedade mariñá farta de enganos e traizóns deste goberno galego e dos dirixentes e alcaldes do Partido Popular que actúan como coristas ás ordes do que manda o partido no canto de servir ás sociedade”, afirmou Ana Ermida.

Desde a formación nacionalista explican que tódolos días coñecemos exemplos de como as políticas de recorte aplicadas polo goberno da Xunta sustentado polo Partido Popular, fan perder servizos asistenciais tanto en atención primaria como especializada. Desde a chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta o recorte aplicado no orzamento sanitario foi de mais de 460 millóns de euros e so na provincia de Lugo nestes últimos catro anos, recortáronse en asistencia primaria mais de 31 millóns de euros.

Os efectos desta política están á vista, coa perda de persoal sanitario en mais de 2.000 persoas, 275 camas pechadas, privatización de servizos, peche de recursos dirixidos a colectivos en situación de risco. Para a portavoz comarcal nacionalista, non é críbel que o presidente Feijoo veña en plena precampaña electoral das municipais a prometer solucións aos problemas asistencias que el mesmo creou coas súas políticas.

Ana Ermida animou á poboación mariñá a contestar con claridade e contundencia os cantos de serea de Feijoo e apoiar a mobilización prevista para o xoves ás oito da tarde no Hospital da Costa. Para a nacionalista a mobilización social e o compromiso na defensa do interese público é das poucas vías que está deixando o Partido Popular para reclamar os dereitos da maioría.

Exit mobile version