Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga: “Nunca ninguén apoiou tanto ó deporte da Mariña como nos últimos anos desde a Vicepresidencia da Deputación”

Lugo, 5 de marzo de 2015. O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Deporte do organismo provincial, o nacionalista Antonio Veiga, reuniuse esta tarde en Burela cos clubs e asociacións deportivas da comarca da Mariña para lles explicar as axudas de concorrencia en materia deportiva convocadas pola Área de Deporte do organismo provincial para este ano 2015 e que se poden solicitar até o vindeiro luns día 9 de marzo.

Antonio Veiga afirmou neste acto que “ninguén apoiara tanto ao deporte na comarca da Mariña coma nos últimos anos fixemos desde a Vicepresidencia da Deputación”, dixo. Explicou que nesta lexislatura foron máis de 4 millóns de euros os que investiu a área de Deportes da Deputación na comarca da Mariña, tanto en obras para mellorar as instalacións deportivas da comarca como en axudas para apoiar a todos os clubes e asociacións deportivas mariñáns, tanto de base como de elite.

O vicepresidente detallou algúns dos importantes investimentos en instalacións deportivas realizados pola área de Deportes que dirixe na comarca da Mariña nestes catro anos, coma os 2,5 millóns de euros no novo pavillón de Ribadeo, 60.000 euros na pista de andadura ecuestre do Valadouro, 45.000 euros na mellora do campo de fútbol do Iberia, os 100.000 euros que se van destinar á mellora das instalacións do Club Kayak Foz, os 45.000 para a mellora do campo de fútbol Martínez Otero ou os 20.000 para a renovación do céspede do campo de fútbol do Valadouro, ademais de outros moitos investimentos de menor cuantía destinados anualmente a obras de mantemento en distintas instalacións públicas municipais da comarca.

A estes investimentos en obras habería que sumar máis de un millón e medio de euros destinados nestes catro anos a apoiar directamente desde a área de Deportes da Deputación a todos os clubs da comarca, tanto de base como de elite. Entre estas axudas, que abarcaron a todas as disciplinas deportivas e a todos os clubs sen excepción, destacan as destinadas a fomentar o deporte base e o deporte feminino.

Prazo de solicitude de axudas aberto até o 9 de marzo
Na reunión celebrada esta tarde en Burela Antonio Veiga informou aos clubs e asociacións deportivas da comarca da liña de axudas aberta para este ano 2015 e cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro luns día 9. Antonio Veiga destaca que o organismo provincial volveu apostar por destinar 630.000 euros para a concesión de axudas a clubs deportivos e concellos da provincia de Lugo en réxime de concorrencia competitiva neste ano 2015. 500.000 euros irán directamente para asociacións e clubs deportivos de base e 130.000 serán para colaborar cos concellos: “Pese á crise, mantemos as mesmas cantidades do ano pasado porque nin os clubs de base nin as persoas que practican deporte na provincia de Lugo non teñen culpa ningunha desta crise”. Só nos últimos catro anos, a Deputación de Lugo investiu máis de 10 millóns de euros en deporte na provincia de Lugo, explicou Veiga, o que a converte na Deputación de todo o Estado que máis inviste en deporte por habitante.

Antonio Veiga incide neste aspecto concretando que “a Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Deporte, mantivo durante estes últimos 4 anos estas axudas en réxime de concorrencia competitiva, e a intensidade das mesmas, tanto aos concellos como as entidades sen ánimo de lucro da provincia. En total 2.520.000 euros como suma das últimas 4 anualidades, distribuídos en mais de 600 axudas por ano pertencentes a tódolos concellos da provincia de Lugo, o que permite que se realicen actividades vinculadas a mais de 50 modalidades deportivas que abranguen desde o fútbol ou o baloncesto ata outros con menos participantes como pode ser o acuatlón, o billar ou a ximnasia rítmica”, detallou.

Veiga comparou a “total colaboración da Deputación coas asociacións e clubs deportivos” cos “recortes que ano a ano a Xunta de Galiza aplica neste eido”. “A Deputación inviste o triplo que a Xunta e faino en prazo”, contrapuxo.

172.500 euros recibiron clubs, asociacións e concellos da Mariña no 2014
Dentro desta convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva, o tecido deportivo da comarca da Mariña recibiu un total de 172.500 euros o pasado ano 2014. Distribuíronse do seguinte xeito: 140.700 euros foron destinados a clubs e asociacións deportivas para actividades, eventos e competicións nas que participan e 31.800 euros para actividades organizadas por Concellos ou para obras e equipamentos en instalacións municipais.

Dentro deste último apartado, a Vicepresidencia da Deputación subvencionou en 2014 a realización de obras nos campos de fútbol de Ribadeo (2.500 euros), O Valadouro (1.200 euros), Trabada (1.700 euros) e Lourenzá (1.200 euros), así como axudas para melloras no pavillón municipal de Alfoz (1.200 euros), nas piscinas de Cervo (1.200 euros) e de Xove (1.300 euros) e no campo de bolos de Riotorto (2.500 euros), obras para as que se destinarán un total de 12.800 euros.

Baremos públicos e obxectivos
Veiga reafirma que “con estas axudas democratizamos o deporte de base, todos os equipos e agrupacións deportivas da provincia poden beneficiarse destas axudas, tanto para a organización de actividades deportivas de natureza competitiva ou non competitiva e levar a cabo eventos deportivos. É fundamental que todas as persoas teñan acceso ao deporte independentemente da modalidade que sexa e do concello onde o practique”.

Antonio Veiga tamén explica que todas estas axudas concedidas “son froito dun proceso aberto con total transparencia a todos os clubes de base e concellos da provincia” e que “todas as solicitudes presentadas que cumpren cos requisitos recollidos nas bases que serán publicadas no BOP nos vindeiros días teñen axuda en base á puntuación obtida por cada solicitude en función de criterios obxectivos”. “Desde o ano 2008 que nós estamos hai baremos obxectivos, públicos e transparentes, para a concesión de todas as axudas públicas das áreas de Cultura e Deportes; antes de que nós chegaramos non era así, polo que ningún clube da provincia se pode sentir maltratado por esta Deputación”, lembra.

Principais liñas de actuación, contías e gastos subvencionables
1. SUBVENCIÓNS DESTINADAS A ENTIDADES ASOCIATIVAS E CLUBES DA PROVINCIA DE LUGO PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS NA ANUALIDADE 2015.

Ten un orzamento total de 500.000 euros.

A)Categoría de axudas á actividade competitiva, o importe máximo da axuda será de 8.000 euros. Os gastos subvencionables serán:

– Arbitraxe

– Gastos de transporte

– Gastos federativos

– Canons.

B) Categoría de axudas para a organización de eventos deportivos, o importe máximo da axuda será de 4.000 euros. Son gastos subvencionables:

– Gastos de recursos materiais.

– Gastos de persoal ou vinculado ao persoal

– Gastos de funcionamento

– Gastos de medios e materiais técnicos

– Primas de seguros

– Gastos de publicidade, P e RP.

C) Categoría de axudas para actividades deportivas, o importe máximo de axuda será de 8.000 euros. Son gastos subvencionables:

– Gastos de persoal

– Gastos de material didáctico – deportivo

– Gastos de vestimenta deportiva

– Primas de seguros

– Gastos de publicidade, P e RP

2. SUBVENCIÓNS DESTINADAS A GASTOS CORRENTES DE PROMOCIÓN DEPORTIVA REALIZADOS POR CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO”. Dispón dun orzamento de 50.000 euros, distribuido en dúas grandes liñas:

A) Eventos subvencionables até 2.500 euros.

B) Actividades deportivas de carácter permanente, subvencionables até 5.000 euros.

3.SUB VENCIÓNS DESTINADAS A INVESTIMENTOS EN INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E PARA EQUIPAMENTOS DEPORTIVOS REALIZADOS POR CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO”. Conta cun orzamento de 80.000 euros, a distribución é a seguinte:

A)Investimentos para instalacións deportivas até 6.000 euros.

B) Adquisición de equipamento deportivo inventariable até 3.000euros

A cuantía mínima a percibir será de 300 euros.

Un 5% do custo da actividade subvencionada deberá ser financiada con recursos propios.

Exit mobile version