Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga visita o Centro de Interpretación da Prehistoria da aldea mindoniense de Vilar

vilarMondoñedo, 30 de marzo de 2015. O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, visitou este luns o Centro de Interpretación da Prehistoria da aldea de Vilar, en Mondoñedo. Acompañárono o alcalde da cidade episcopal, Orlando González Cruz; o edil de Cultura, Xusto Fernández Haro; a concelleira de Servizos, Esperanza González; e a concelleira de Medio Ambiente, Magdalena Domenech. A Vicepresidencia Primeira do organismo provincial, a través da Área de Cultura, colaborou na rehabilitación do inmoble do núcleo de Vilar que acolle o centro cun convenio por valor de 150.000 euros.

O rexedor mindoniense explicou que “o obxectivo deste Centro de Interpretación da Prehistoria e contribuír ao desenvolvemento turístico e cultural do Concello de Mondoñedo. O mesmo fai un percorrido pola prehistoria e pola propia historia mindoniense, a través dunha serie de paneis e imaxes”, sinalou.

González Cruz agradeceulle a Veiga “a aposta decidida da Vicepresidencia Primeira polo desenvolvemento de Mondoñedo, xa que sen a súa axuda sería imposible acometer a a posta en marcha deste centro de interpretación”, remarcou.

Configurado en dous bloques
Orlando González explicou que o centro se configura a través de dous bloques. “Un primeiro está dedicado á prehistoria, fundamentalmente centrado na Cova do Rei Cintolo, e outro segundo onde se fala da protohistoria, co mundo da cultura castrexa e outras cuestións de temática natural ou etnográfica, como son a xeoloxía, a flora, a fauna e os usos tradicionais das rochas calcarias, entre as protagonistas”, indicou.

Pola súa banda, Xusto Fernández Haro apuntou que “o punto de partida é a Cova do Rei Cintolo, xa que nela se atoparon os restos máis antigos do concello, datados ao redor de hai entre 10.000 e 15.000 anos. Sobre a cova abórdanse os achados arqueolóxicos e tamén se dan a coñecer aspectos biolóxicos e xeolóxicos, facendo un percorrido pola formación da mesma, os tipos de rochas da zona, así como as especiais animais e vexetais existentes ou que puideron existir no interior da cavidade e na súa contorna”, explicou o concelleiro de Cultura mindoniense.

Mentres, outro dos puntos salientables que se trata no segundo bloque é o megalitismo, as mámoas: “Trátase sobre todo o mundo dos castros, comezando por unha caracterización dos mesmos, pasando logo a falar un pouco das características deles e da xente da época”.

Paquete didáctico dirixido aos centros de ensino secundario
Fernández Haro salientou que están aproveitando a apertura do centro para lanzar unha primeira actividade coa que tamén buscan promocionar a cova do Rei Cintolo. “A nosa intención é aproveitar que o centro de interpretación está preto da cova para combinar ambos espazos. Estamos lanzando unha campaña dirixida aos centros de secundaria para a que desde o Concello de Mondoñedo elaboramos unha unidade didáctica realizada por expertos. Esta unidade estámoslla enviando a centros de toda Galiza e xa recibimos as primeiras chamadas de institutos interesados neste paquete, que inclúe o traballo nesta unidade e a visita ao centro e á cova. Cremos que a nivel galego non existen moitas ofertas destas características”, confirmou Fernández Haro.

Finalmente, o concelleiro de Cultura resaltou que nos contidos do centro de interpretación participou “persoal da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidad de León, recibimos colaboración do Museo Provincial de Lugo e tamén se implicou o Concello, a través do noso arqueólogo, Abel Vigo”, concluíu.

Exit mobile version