Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada por unanimidade no Pleno da Deputación a moción do BNG que apoia o mantemento dos postos de traballo da factoría de Vestas en Viveiro

Lugo, 31 de marzo de 2015. O pleno da Deputación provincial de Lugo aprobou este martes por unanimidade unha moción presentado polo BNG en apoio aos traballadores da factoría que ten a multinacional danesa Vestas en Viveiro e na que demandan á Xunta de Galiza as medidas e xestións necesarias para “o mantemento e mesmo ampliación do emprego, así como a viabilidade desta factoría na Mariña, a creación das condicións necesarias en materia de infraestruturas de transporte para axudar a que compañías como Vestas Nacelles e outras con asentamento na comarca da Mariña poidan ampliar e acrecentar a súa capacidade produtiva e competitiva”, sinalou Antonio Veiga.

Así mesmo, o vicepresidente provincial, encargado de defender esta moción do grupo nacionalista, tamén lle solicitou ao goberno de Feijoo que “favoreza o desenvolvemento da industria eólica en Galiza, desbloqueando o parón desta actividade nun país cun gran potencial neste sector como o noso”, comentou.

Veiga recordou que esta empresa dedicada á fabricación, ensamblaxe e subministro de aeroxeneradores eólicos é, por facturación, “a primeira con razón social na provincia de Lugo cunha facturación de máis de 642 millóns de euros”, sinalou. Así mesmo, salientou que “dá traballo fixo a 150 traballadores e traballadoras, e indirecto a varios centos máis, de aí a importancia para a economía da comarca da Mariña e para a posibilidade de creación de emprego na mesma”, apuntou.

Veiga lamentou que Vestas pretenda “parar a produción da fábrica de aeroxeneradores de Chavín, en Viveiro, durante varios meses, deica o mes de outubro cando menos”, que suporá, na práctica, “a perda do seu posto de traballo para 54 traballadores e un expediente de regulación temporal para os 95 restando, segundo o comité de empresa”, indicou.

Igualmente, o vicepresidente da Deputación fíxose eco das valoracións do comité de empresa que asegura que “o plan de traballo para a fabricación do novo modelo Super Slim de 2MW podería converter a factoría de Chavín en secundaria, cando hoxe é principal, debido a que este modelo xa se está a producir na China e as previsións de fabricación incluídas no plan de viabilidade que xustifican os EREs presentados, reducen a capacidade de produción da planta de Viveiro e en consecuencia, o cadro de persoal existente ate a actualidade podería non recuperarse debido á deslocalización da produción”, lembrou.

Promesas incumpridas e fin de aposta polas enerxías renovábeis
Veiga tamén recordou que Vestas exporta todo o que produce na súa fábrica viveirense, recibindo 318.045 euros o pasado ano 2011 para facilitar a súa estratexia exportadora. “Nese mesmo ano, o presidente do Goberno Galego visitaba a factoría de Vestas Nacelles en Viveiro anunciando, en compañía do director xeral de Vestas Iberia, a multiplicación do emprego en Vestas derivado da aprobación do concurso eólico que entraría en vigor en 2013 para abastecer o mercado interior de aeroxeneradores, algo que debería vir avalado pola aprobación dun novo marco regulador para o sector eólico. O representante de Vestas considerou fundamental este novo marco regulador para garantir a continuidade da empresa, feito que finalmente non se chegou a producir polo fin da aposta do goberno do Estado polas enerxías renovábeis, deixando sen efecto o concurso eólico galego a pesar do inmenso potencial do noso país para este tipo de enerxía”, criticou.

Tamén remarcou que o feito de que a factoría se atope “sen conexión a vías de comunicación de grandes prestacións, ou a falta dun peirao de dimensións necesarias para dar saída rápida e viábel á súa produción, tampouco axuda na ampliación da capacidade produtiva e por tanto na xeración de emprego”, apuntou.

Novo ERE nunha empresa da Mariña desde que goberna Feijoo
Antonio Veiga recordoulle ao Partido Popular que “a este pleno provincial xa se trouxeron outros EREs de empresas da Mariña, como Ecar, Muebles Hermida, Sargadelos ou a antiga Ecesa, todos eles desde que goberna Feijoo na Xunta”. O nacionalista tamén se preguntou se “é esta a recuperación da que falan os políticos do Partido Popular”, sentenciou.

Finalmente, o vicepresidente provincial afeoulle á voceira do PP, Elena Candia, que quixera colar a última hora unha declaración institucional “que non dicía nada, totalmente baleira de contido” e pediulle que lle fixera un guiño aos veciños da Mariña. “Gústame que coincidan cos nosos catros puntos, pero vostedes son os que teñen competencias neste eido, xa que dirixen as consellerías de Industria e Traballo, e os que gobernan en Madrid, así que non consiste só en mandar mensaxes, senón en traballar por garantir os empregos, os dereitos dos traballadores e que non se deslocalice ningunha empresa, algo que desde a nosa organización política seguiremos facendo na rúa, na Deputación e onde sexa necesario”, recriminoulle Antonio Veiga.

Exit mobile version