Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobado o plan concertado de Servizos Sociais do Concello de Burela para este ano cun 781.000 euros de investimento

Burela, 30 de marzo de 2015. A comisión extraordinaria de goberno, celebrada este luns, aprobou o plan concertado de Servizo Sociais do Concello burelés para 2015, que contempla unha partida de 781.000 euros, dos que 396.000 euros serán aportados pola Xunta e 385.000 euros polo Concello.
A maior parte dese orzamento, 256.000 euros, van destinados á axuda no fogar ás persoas dependentes ás que atende o Concello. Outras partidas importantes son o programa de atención a inmigrantes, que contará con 40.000 euros, a atención temperá, que disporá este ano de 62.000 euros de presuposto, e 84.000 euros van destinados para o Centro de Información ás Mulleres, segundo deu a coñecer esta tarde a concelleira Diana Durán.

A responsable dos Servizos Sociais no Concello burelés subliñou que “si a este orzamento de 781.000 euros, lle sumamos os aproximadamente 200.000 euros da Unidade Asistencial de Drogodependencias e outros gastos correntes do total do presuposto do gasto social planificado para servizos sociais estamos a falar dun total de 1.365.000 euros. Parécenos que se trata dunha cifra moi importante, que indica que os servizos sociais son unha prioridade para este equipo de goberno, que presta unha atención especial aos nosos dependentes, a colectivos con necesidades específicas, aos inmigrantes ou ás mulleres”.

Obradoiro de emprego
Por outra banda o alcalde, José Mª González Barcia, fixo unha valoración moi positiva do noso obradoiro de emprego co que contará o Concello. Trátase do denominado Sendas de Burela, Cervo e Xove III, que contará con 20 alumnos e con 177.000 euros de presuposto neste 2015. O rexedor subliñou o “apoio da Xunta en materia de desemprego, o que lles servirá a esas 20 persoas para mellorar a súa formación e para acadar a súa inserción laboral”.

Ademáis o Concello de Burela contratará a partir do vindeiro mes de abril a 10 persoas, que están en risco de exclusión social e cuxo único requisito é ser receptores da Risga. Van realizar traballos de xardiñeiros e peóns.

Exit mobile version