Site icon Crónica3.com A Mariña

As mulleres da Mariña ocupan o 67% dos cargos directivos dos centros públicos de Primaria e o 45% de secundaria

A Mariña, 5 de marzo de 2015.- A CIG-Ensino elaborou un estudo da presenza das mulleres nos cargos directivos en centros de ensino de toda Galiza.

Os datos deste estudo deixan ver que a ocupación de cargos directivos por parte das mulleres non se corresponde co nivel de representación que teñen no sector do ensino público non universitario en Galiza, que é claramente maioritaria. No ensino primario hai 12.985 docentes que son de xénero feminino (que representa o 81,45%) fronte a 2.957 homes, pero só son directoras o 55%, unha desproporción desmesurada. No ensino secundario son directoras o 36% fronte ao 64% de homes a pesar de que hai 8.872 mulleres (o 58,7%) e 6.231 homes. Respecto a outros cargos directivos á parte da dirección comprobamos que as mulleres ocupan o 76% dos cargos en primaria e o 53% en secundaria.

Na Mariña neste curso hai un total de 949 docentes dos que 647 son mulleres (que representa o 68%) e 302 son homes (o 32%). A porcentaxe de mulleres docentes é maior en Primaria que en Secundaria. En Primaria hai 321 mulleres que están dando clases por 71 homes, mentres en Secundaria son 326 mulleres por 231 homes. En porcentaxes, o 81% do profesorado de primaria da Mariña son mulleres e o 58% do de Secundaria. A pesares destas porcentaxes de xénero é significativo que só o 67% dos cargos directivos dos centros de primaria son desempeñados por mulleres e só o 45% en Secundaria.

Se observamos os diferentes cargos directivos vemos que hai unha desproporción entre os cargos directivos que ocupan as mulleres e o que elas representan en números globais. Así, ocupan o cargo de dirección dos centros de primaria 13 mulleres por 11 homes e sen embargo en secundaria son 5 mulleres as directoras por 10 homes. Se fora proporcional ao número total de docentes tería que haber sobre 19 mulleres no cargo de dirección por 5 homes en primaria e sobre 8 mulleres por 7 homes en secundaria.

Sen embargo, obsérvase que é máis proporcional a relación noutros cargos. Existen en primaria 13 mulleres que son Xefas de Estudo por 3 homes e 13 mulleres que son Secretarias por 6 homes. En secundaria, son Vicedirectoras 5 mulleres por 6 homes, ocupan a Xefatura de Estudos 7 mulleres por 8 homes e a secretaría 9 mulleres por 6 homes.

De todos estes datos podemos concluír que existe un desaxuste entre o número de docentes de xénero feminino e a súa presenza en cargos directivos nos centros de ensino da Mariña, o mesmo que ocorre a nivel de toda Galiza. No estudo realizado tamén se observa que os cargos subordinados ou secundarios desde o punto de vista do organigrama educativo (secretarías, xefaturas de estudos ou vicedireccións) son ocupados maioritariamente por mulleres (segregación vertical), perpetuándose os estereotipos sociais dos roles e modelos femininos tradicionais.

Para a CIG-Ensino está nas mans da Administración, e no caso que nos ocupa nas mans da Consellaría de Educación, poñer límites a esta situación de discriminación e desigualdade e actuar dun xeito responsable neste eido, facilitando entre o profesorado a conciliación da vida familiar e laboral, ademais de pór en marcha o Plan de Igualdade aprobado polo Parlamento que non se está efectivizando.

Dores Fernández Abel
Secretaria da CIG-Ensino da Mariña.

Exit mobile version