Site icon Crónica3.com A Mariña

As Xornadas da Historia de Riotorto chegan á quinta edición abordando o tema da emigración

A Casa da Cultura de Riotorto acolle a quinta edición das Xornadas da Historia de Riotorto entre o sábado 4 e o domingo 5 de abril a partir das 19.00 horas baixo a denominación “A emigración no concello de Riotorto”.

O sábado 4 contamos coa presenza de Martín Fernández Vizoso. Natural de Cangas de Foz é Director do gabinete de comunicación da Deputación de Pontevedra e unha das persoas que mais ten estudado o fenómeno da emigración na mariña lucense. Falará da emigración americana fundamentalmente a Cuba e Bos Aires. Este mesmo día presentarase a iniciativa “Un día das Letras galegas para Avelino Díaz”.

“A primeira cousa que fixo Tomás Estrada Palma trala súa toma de posesión como primeiro Presidente da República de Cuba foi visitar o Centro Galego. Entón, o centro dos galegos emigrantes en Cuba contaba con 60.000 socios e tiña máis orzamento que o goberno da Habana. Eso da idea da súa importancia, prestixio e forza social. Nesa sociedade cubana de primeiros do século XX, os emigrantes de Riotorto tiveron un papel relevante, activo e singular non só no mundo societario senón tamén abandeirando e apoiando necesidades, loitas e reivindicacións do seu Riotorto natal”, explica Martín Fernández.

O domingo 5 Miriam Bouso exporá un estudo centrado na emigración a Europa nos anos 60 e 70. Miriam, Licenciada en Historia e veciña de Espasande de Baixo, adianta que “entre 1965 e 1975 calcúlase que uns 300.000 galegos e galegas deixaron os seus fogares procurando un mundo mellor no continente europeo desenvolto. O concello de Riotorto contribuíu a esta diáspora dunha forma moi notable, feito que levou ao estudo do fenómeno migratorio nas nosas aldeas. Como froito desta investigación xurde o traballo “A emigración a europa no concello de Riotorto” baseado na realización de entrevistas aos protagonistas, cuxas testemuñas se recollen no documental ‘Riotorto emigrante: a voz dos retornados’.

A continuación proxectarase un documental no que se dará voz aos emigrantes retornados no noso concello. O documental leva a autoria da propia Miriam e mais da xornalista da Órrea Vanesa Gómez Lourido.

Para rematar o Coro de Riotorto interpretará dous poemas sobre a emigración galega: “A xesta” de Avelino Díaz e “Iste vaise” de Rosalia de Castro.

Exit mobile version