Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña denuncia que “o Hospital da Costa queda cun só médido especialista en anatomía patolóxica e sen citotécnico”

O sindicato nacionalista denuncia que agora, o Hospital da Costa queda sen outra facultativa especialista en anatomía patolóxica. As consecuencias inmediatas son un retraso tanto na realización das probas coma no resultado das mesmas, podendo incluso afectar á actividade cirúrxica. Así mesmo, aseguran que as citolóxias levan case dous meses sen realizarse por falla de citotécnico.

As deficiencias en persoal chegan novamente ao Servizo de Anatomía Patolóxica, un servizo xa de por si deficitario de persoal, no que dous facultativos especialistas en anatomía patolóxica viñan asumindo a carga de traballo que segundo ratios lle correspondería a tres e unha dotación insuficiente de Técnicos en Anatomía desbordados de traballo, algo que dende fai tempo “vimos denunciando e que supón a imposibilidade de sacar para adiante as probas diagnósticas que día a día ten que asumir este servizo”. A maiores agora súmase a ausencia dunha citotécnico.

Dende CIG Saúde afirman que este feito adquire especial relevancia, pois hai intervencións cirúrxicas que, ben sexan urxentes ou de carácter programado, poden requirir biopsias inmediatas durante a intervención, motivo imperioso para que esta praza fose cuberta con total inmediatez.

A ausencia desta profesional ven motivada pola precariedade laboral á que viña sometida, firmando contratos cada dous meses e provocando deste xeito inseguridade no traballo e por ende, na súa economía. Este tipo de conductas nas políticas de contratación son as responsables de que especialistas do noso hospital rematen marchando cara outras comunidades nas que lles ofertan estabilidade laboral. A agora dirán que non hai especialistas dispoñíbeis pero non fan nada por coidar os que xa temos e dende CIG-saúde entendemos que detrás disto está a falla dunha Dirección médica dende fai case un ano, a ausencia da Xerenta, que se atopa de vacacións e a perda absoluta da autonomía propia deste Hospital ao pasar a ser gobernados dende Lugo.

Esta obsesión do aforro polo aforro sen medir as consecuencias sobre a saúde da cidadanía, debería substituírse por atender e valorar infinitamente máis as necesidades de profesionais reforzando neste caso, un Servizo de apoio ao diagnóstico de importancia vital como é o de Anatomía Patolóxica, “do que depende parte da actividade doutros servizos do hospital e en aspectos tan sensibles como a detección precoz de enfermidades oncolóxicas, o diagnóstico de tumores para o seu correcto tratamento, a vía rápida para a detección do cancro, citoloxías……..”.

Dende CIG Saúde A Mariña esixen a cobertura inmediata das prazas de especialista en anatomía e citoténico mais a dotación necesaria de persoal para o servizo e mostran o seu rexeitamento expreso á derivación de mostras de tecidos de anatomía patolóxica en taxi a Monforte e denuncian a actuación da Xerencia neste caso concreto, e en xeral, á súa política de aforro e recortes custe o que custe que tanto prexudica ao coidado da saúde da poboación da Mariña.

Exit mobile version