Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde denuncia que “o Hospital da Costa segue sen rumbo e á deriva como froito do fracaso do modelo de xestión integrada”

Dende CIG Saúde A Mariña denuncian que 11 días despois da marcha de Francisco Soriano, o Hospital da Costa segue “á deriva, sen rumbo e sen ninguén na ponte de mando” ante a pasividade dos responsábeis políticos que, en marzo de 2013, entregaban a xestión da sanidade da Mariña a Lugo, co obxectivo de despezala silenciosamente”.

Para a Federación da CIG, as decisións da EOXI (Estrutura Orgánica de Xestión Integrada), dirixida por Quintáns dende Lugo, demostran unha vez máis que este modelo de xestión afecta gravemente ás prestacións sanitarias na comarca que, lonxe de mellorar, empeoran e redúcense en beneficio dun HULA. Como exemplos, a posta en marcha de unidades en precario como Hospital a Domicilio, a carencia de certos equipos radiolóxicos como o das Densitometrías, Resonancia ou Ortopantógrafo , a recente ausencia de cardiólogos, a falta de especialistas en uroloxía, a alarmante diminución da actividade cirúrxica, a non cobertura da médica de saúde laboral, a derivación de mostras de anatomía patolóxica a Monforte, a derivación de doentes a Lugo, o recoñecemento da imposibilidade de creación de novas prazas, ou a falta de coordinador dos distintos servizos médicos. Unhas eivas que levan consigo “un caos organizativo no día a día do centro mariñao, repercutindo finalmente na calidade dos coidados e servizos sanitarios ofertados á poboación da Mariña”.

A CIG Saúde entende que os problemas existentes derivan da decisión do goberno da Xunta de non crear unha área de xestión integrada propia na comarca polos recortes aplicados dende o PP na sanidade pública mentres se seguen drenando cartos das/os contribuíntes para a sanidade privada. Por isto volveron reclamar a derrogación do decreto de xestión integrada provincial e demandan a creación dunha área de xestión integrada propia para a Comarca.

Tres dimisións en dous anos
A constatación do fracaso deste modelo de xestión, aseguran de a CIG-Saúde, reflíctese nas sucesivas dimisións dende a súa posta en marcha no ano 2013. Naquel momento, os/as responsábeis políticos desatenderon as propostas de profesionais e o clamor do pobo Mariñán que demandaban un área de xestión propia para a Comarca e, “sen contemplacións, baleiraban o hospital de poder de decisión e xestión”.

Unha decisión que contou coa complicidade dos alcaldes do PP e todos os dirixentes do Partido Popular da Mariña. “Todos menos un, apuntan, o único que defendeu os intereses sanitarios da Comarca por riba dos intereses partidistas ou persoais, ganándose o respecto dos seus compañeiros e compañeiras: o popular e xerente do Hospital ata aquel momento, Jose Insua”, que en data 13 de marzo de 2013, presentaba a súa dimisión. Era a primeira dimisión provocada pola implantación da Estrutura de Xestión con centro de decisión en LUGO, afirman dende o sindicato nacionalista.

O 18 de marzo de 2013, lembra a CIG Saúde, presentan o nomeamento do novo Xerente executivo, Francisco Soriano, quen axiña forma equipa directiva e nomea subdirector médico a Ignacio Núñez. A elección non era casual, logo das reiteradas declaracións dos dirixentes populares asegurando que o novo modelo ía mellorar a sanidade da Comarca, permitindo ao recen nomeado xerente dirixir tanto o Hospital da Costa como os centros de saúde da Mariña, Soriano escollía a un facultativo con ampla experiencia na atención primaria coa fin de coordinar os centros de saúde co centro Hospitalario.

Pero ambos non tardan moito en recoñecer que, ao igual que a cidadanía Mariñán, foran enganados, posto que non se lles permitía dirixir os centros de saúde e poñían de manifesto que non tiñan poder para tomar decisións sobre as necesidades do Hospital da Costa, xa que os que mandaban e tomaban as decisións eran os de Lugo. A implicación de Ignacio Núñez na defensa das necesidades sanitarias da Mariña mesturadas coa pasividade e constantes negativas da Xerencia de Lugo, frustran á Subdirección Médica e un ano despois do seu nomeamento, en maio de 2014 presenta á súa dimisión. Era a segunda dimisión nun ano de vida da EOXI, salientan dende CIG Saúde A Mariña.

Francisco Soriano, xerente executivo do Hospital da Costa intenta repoñer a figura da Subdirección Médica elevando propostas que son rexeitadas por unha EOXI que persegue liquidar por asfixia a insumisa figura do xerente Mariñao. Queda só, illado, sobrecargado de competencias e ninguneado por García Quintáns dende Lugo, o que provoca que en data 27 de febreiro de 2015, abandone a Xerencia do Hospital da Costa. É a terceira dimisión na corta vida da EOXI e a primeira vez na historia deste Hospital que un xerente se vai sen acoller ao xerente entrante, sen ter a posibilidade de facer traspaso de poderes . “E 11 días despois da terceira dimisión, logo de 11 días de vagar á deriva, ninguén quere vir voluntariamente a xestionar o Hospital da Costa”, critica a CIG-Saúde.

Demanda do Decreto de Xestión Integrada propio
Para atallar esta deriva, a CIG Saúde A Mariña defende que “o que precisa a sanidade da comarca é o que está a pedir o conxunto da sociedade mariñá: un decreto de xestión integrada propio para xestionar atención primaria e especializada, un modelo que aposte polo crecemento do Hospital con plena capacidade para xestionar os seus recursos e non medidas que teñen como fin fundamental recortar servizos sanitarios públicos para converter este hospital nun ambulatorio grande, deteriorar os centros de saúde e, alimentar o negocio da sanidade privada”.

“Mentres iso non se cumpra todo o que se anuncie é demagoxia”. Por iso aseveran que “se o Partido Popular quere garantir os dereitos sanitarios dos mariñaos que esixa ao presidente Núñez Feijóo que derrogue o Decreto de xestión integrada, modifique a folla de ruta da Xunta encamiñada á privatización sanitaria, aprobe un Decreto de Xestión Integrada propio para a Mariña e deixe de seguir vendendo fume”.

Exit mobile version