Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as 30 actividades dos ‘Seráns Culturais’ organizados pola Área de Cultura da Deputación

Lugo, 30 de marzo de 2015. O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou este luns no Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos a programación dos Seráns Culturais para os vindeiros meses de abril, maio e xuño.

Mario Outeiro explicou que “serán un total de 30 actividades, 20 a desenvolver na cripta do Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos e outras 10 noutros puntos da nosa provincia”, sinalou. Outeiro apuntou que con esta programación, “desde a Área de Cultura buscamos crear unha programación estable no que é a provincia lucense ao longo de todo o ano e apostar polas industrias culturais galegas con actividades abertas e gratuítas”, razoou.

Deste modo, en todas as actividades a entrada será libre ata completar aforo, agás no obradoiro de narración ilustrada ‘Mariquiña, a carteira andoriña’, que se levará a cabo o 15 de abril e ten prazas limitadas con inscrición previa enviando un correo ao enderezo electrónico ana.culturaedeporte@deputacionlugo.org.

Actividades diversas para todos os públicos e gratuítas
O delegado provincial de Cultura destacou que este programa inclúe “actividades diversas, tales como concertos, contacontos, teatro, obradoiros, maxia e, por suposto, actividades que cubrirán todos os públicos, desde o infantil ata os adultos”. Así mesmo, resaltou “o éxito acadado cos Seráns Culturais de febreiro e marzo, cunha afluencia continuada de público, tanto nas actividades de infantil como de adultos”.

Outeiro tamén confirmou que este novo programa terá o Salón de Exposicións de San Marcos como epicentro: “Confírmase a nosa idea inicial de que Lugo precisa desta programación cultural, por iso apostamos por seguir a aproveitar ao máximo os espazos cos que contamos na Área de Cultura da Deputación, engalanada para a ocasión, consolidando esta como un espazo de cultura non só para potentes e interesantes exposicións, senón tamén agora como espazo de referencia para a música, o teatro, obradoiros, monólogos, etc.”.

Maio de Lingua
O delegado de Cultura destacou especialmente o mes de maio, “no que teremos 9 actividades, recuperando a idea do Maio de Lingua que xa celebramos o ano pasado, e a reivindicación que facemos desde a Área de Cultura os 365 días do ano de pedir 1.000 primaveras máis para a lingua galega”, comentou.

Entre as actividades a desenvolver durante o mes de maio sobresae a reedición do programa Lingua Viva, obradoiros de creación artística dirixidos por Paloma Lugilde. “Darán como froito unha representación que terá lugar nas prazas de Lugo o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, con saída desde a Praza da Soidade ás 21.00 horas e que terá como fío condutor as figuras de diversas mulleres galegas escritoras”, explicou.

Aposta por profesionais de Lugo e por chegar a toda a provincia
Polo Salón de Exposicións pasará “o mellor do panorama cultural galego, apostando polos profesionais de Lugo, como Xabier Iglesias Producións, Espazo Artístico 10 –Danza Teatro-, Eudomónicas, o Mago Antón, entre outros, e tamén do resto do país. Así mesmo, haberá un total de 10 representacións repartidas por diferentes puntos da provincia, en lugares como Meira, A Pobra do Brollón, Vilalba, Sarria, A Pastoriza, Mondoñedo, Pantón, Monforte ou Outeiro de Rei”, valorou Mario Outeiro.

Deste xeito, os e as lucenses poderán gozar de xeito gratuíto de artistas e grupos consagrados como Cándido Pazo, A Quenlla, Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín, Rodrigo Romaní, Caramuxo Teatro ou Ataque Escampe, entre outros moitos.

Este mércores, primeira actividade
Os Seráns Culturais deste trimestre abriranse este mesmo mércores, día 1 de abril, coa obra de teatro infantil ‘Chíos’, de Teatro da Semente. A actuación dará comezo ás 18.00 horas.

Exit mobile version