Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan en abril as obras de amaño de varios camiños en Burela

Burela, 30 de marzo de 2015. Na primeira quincena de abril darán comezo as obras de mellora de varios camiños en Burela, segundo deu a coñecer este mediodía o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle. O investimento ascende a 51.800 euros (IVE incluído) e o prazo de execución será dun mes.

O edil popular relatou que “hoxe realizamos o último trámite administrativo, é dicir a mesa de negociación, para proceder ao amaño de varios camiños con cargo ao PEIM de 2014. Conseguimos baixar o prezo de contratación inicial e aforrarlle ao Concello 10.000 euros. Trátase do camiño da Fonte, o camiño de Cinoche, pista da Marosa e o camiño que vai desde o Cantiño ata a vía do tren. En todos se actuará con aglomerado en quente”.

Fernández Valle dixo que “os traballos darán comezo na primeira quincena de abril e rematarán no prazo dun mes. Todo dependerá do tempo que teñamos nesta recen estreada primavera”.

Pavillón dos Castros
Tamén en abril se iniciarán as obras no pavillón dos Castros “onde se procederá á renovación dos alicatados do chan e das paredes ademais de todo o que ten que ver coa fontanaría desas instalacións. Queremos que eses vestiarios estean nas mellores condicións posibles para a súa utilización”.

Exit mobile version