Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Rodas reclama un reparto de cotas que non condene á flota galega a desaparecer

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2015.- Pleno.- O deputado do BNG, Daniel Rodas criticou o actual modelo de reparto de cotas pesqueiras que condenan a flota galega “ao despezamento” e reclamou, a través dunha Proposición non de lei que no reparto de primen criterios socioeconómicos e número de tripulantes fronte a “supostas capturas históricas”, tamaño de embarcación e Comunidades Autónomas.

Na súa intervención, no debate celebrado a última hora de onte, Daniel Rodas demandou ao presidente da Xunta unha reunión co sector ante o SOS que está a lanzar polo reparto individual de cotas e reprobou que a Mesa do Parlamento adiantara a proposta nacionalista impedindo, desa maneira, que os representantes do sector puideran presenciar dende a tribuna do público o debate parlamentario.

Asemade, o portavoz de pesca do BNG, recalcou que o actual modelo de reparto de cotas peláxicas aboca “a nosa flota ao despezamento, abandono da actividade e paro das tripulacións”.

O PP, explicou, ten asumido que hai que desmantelar unha parte da nosa flota e acepta “as migallas de reparto que establece a Neacf ou UE” e lamentou que, unha vez máis, o Partido popular dea as costas ao sector votando en contra da iniciativa nacionalista.

Galiza non existe en Europa, a pesca galega non figura na axenda do presidente da Xunta
Para lograr diminuír o número de embarcacións, o PP impón a xestión individual confiado en que sobrevivan os que posúen máis cota ou poidan comprala, e non lle treme a man en modificar o actual modelo, pasando duns topes por día a unha cantidade fixa por campaña ou ano, abondou.

Este reparto difire entre os diferentes segmentos da flota, entre especies e entre comunidades autónomas quedando meridianamente claro que Feijóo tampouco ten peso político en Madrid, pois cando temos que repartir co Golfo de Cádiz, estes acaparan o 98,86% das capturas e si se trata de xarda, tócanos o 25%.

Vémolo nas distintas artes, explicou o deputado. Un barco galego de arrastre dispón de 80 ton/ano de xurelo mentres que un luso que pesca nas nosas augas está a delimitar se acordan unha cota de 40/50 ton/ semana. Evidentemente unha situación desproporcionada e discriminatoria ao que hai que engadir que non descansan o fin de semana.

No cerco pasamos de 7.000/6.000 quilos xarda, sardiña ou xurelo por día a 15.000/22.000 quilos por embarcación e ano, cantidades imposibles de asumir.

Nas artes distintas ao arrastre e ao cerco a discriminación é maior
No reparto a 55 barcos vizcainos correspóndenlle 3.701 ton mentres que a 123 barcos coruñeses asignáselle 1.047 ton. Isto é linealmente: 67.290 quilos barco vizcaino e 8.512 quilos o coruñés. Unha proporción de 8 a 1 quilos.

O deputado estendeu as súas críticas ás artes menores como o racú, enmalle ou no xeito onde o modelo modelo agrava a situación do sector ao adxudicar 200 ton de sardiña para o xeito, de feito que si se reparte entre o número de embarcacións e os días de actividade saen a 6,28 quilos/día.

Pasa na xarda, na sardiña, no xurelo ou no bocarte. Nesta última especie dun total de 4.618 ton na zona Ixa correspondéronlle a Galiza 53 ton, que xa foi esgotada no primeiro mes do ano cando no 2012 o único reparto eran 10.000 quilos/día/barco.

O resultado é un “modelo anárquico” que non garante a viabilidade da flota, nin o mantemento dos postos de traballo e que conduce a flota ao despezamento e a imposición das ITQs, afirmou.

Por outra parte asegurou que a este reparto “de miseria” hai que sumar as medidas abafantes de control e inspección, perseguindo esta actividade como si foramos “depredadores, furtivos, ou delincuentes” obrigándonos a abandonar a actividade, entregar o barco para o despezamento e a perder os nosos dereitos de pesca que se concentran nuns poucos armadores, nas grandes embarcacións.

Núñez Feijóo debe escoitar as reivindicacións da nosa flota
O presidente da Xunta non fixo nada, nin na Neacf, nin en Europa, nin nos criterios individuais establecidos no Estado. Nunca estivo ao lado do sector. Feijóo é o responsable da ruína e o desmantelamento da nosa flota pesqueira. “Nin escoita nin defende o dereito dos galegos a seguir pescando”.

Dende o BNG, concluíu, esiximos o dereito dos galegos a seguir vivindo da pesca e reclamamos un aumento de cotas naquelas especies abondosas para garantir a actividade económica das comunidades costeiras e do emprego.

Exit mobile version