Site icon Crónica3.com A Mariña

De fiesta de noche y de día, PP mix

“Hay calor en la ciudad, hay calor en la bahía”. “Venga nos fuimos de fiesta de noche y de día”.

“Hoy me dijeron que en la noche tu eres la reina”. “Poca ropa, sudaíta”. “Tú mueves la cintura con indecencia”…

Senón sabe a que pertencen estes versos de alta literatura de autor, vouno sacar da ignorancia. Son parte da canción de Enrique Iglesias, cuxo vídeo-clip foi pagado pola Xunta de Galicia, cun montante de 302.500€

Si, os adalides da austeridade, dos recortes, da sensatez presupostaria, defenden esta inversión argumentando que é unha gran promoción para Galicia, normal: se hai algo típico do noso país, algo que a xente identifique coa nosa terra, máis aínda que o polbo á feira ou a rapa das bestas, é o “reguetón latino” do fillo de Julio Iglesias…

Escoitei hai uns días ao meu conveciño Agustín Baamonde defendendo no parlamento galego esta inversión.

Como noutras ocasións, o bo de Agustín tivo que tourear cos temas máis espiñosos do goberno de Feijoo co seu bo discurso, aínda que por moita oratoria, que a ten, a Baamonde tocoulle defender o indefendible.

Porque unha cousa é falar da repercusión internacional e bla bla bla…, e outra distinta plantarse, por exemplo, cun enfermo de Hepatite C e dicirlle á cara que 302.500 € para un vídeo de Enrique Iglesias son necesarios para o país, a ese enfermo ao que se lle está a negar unha medicación vital polo seu alto custe.

Ou reunirse coa cidadanía da provincia de Lugo-centro e explicarlles que teñen que infartar en horario de oficina pois non hai alternativa a un servizo de hemodinámica 24h no Hula, porque hai outras prioridades como 302.500 € para un vídeo Enrique Iglesias.

Ou aos centos de desempregados que xa non teñen prestación algunha, ou as familias desafiuzadas polos bancos.

Non mo explique a min, sr. Baamonde, vaia a dicirllo a eles, explíquelles que mentres se recorta en ensino e sanidade, Galicia necesita un vídeo de Enrique Iglesias.

Que mentres a industria cultural sobrevive a duras penas na UCI, temos 302.500 € para un clip dun cantante hortera.

Se o fai, Sr. Baamonde ou calquera outro representante do PP de Galicia, recoñecerei publicamente o meu erro cuestionando este gasto.

Mentres, dicirlle que en algo si coincidimos plenamente. A min tampouco me gusta Enrique Iglesias, nadiña.

Félix Jorquera.

Exit mobile version