Desde a décima praza (27 puntos), o cadro de Juanlu Alonso buscará en Lugo un reforzo anímico de cara á súa gran cita coa historia en Cidade Real, fronte a un rival moi necesitado, que pecha a clasificación con 5 puntos. “Nos dous últimos partidos o noso bo xogo non obtivo a recompensa merecida coa vitoria. Un triunfo en Lugo, ademais de darnos ánimo para a Copa, tamén referendaría que o equipo está en liña ascendente” explicaba o técnico laranxa.
A peor noticia da semana para os mariñáns produciuse este xoves cunha luxación de ombreiro sufrida por Isi no adestramento. O andaluz estará afastado das pistas arredor dun mes. No seu lugar, entrará na convocatoria o mozo Hélder. Ademais, o gardameta Edu viaxa entre algodóns por forte golpe sufrido no pé esquerdo.
Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Bellvert, 5. Iago Míguez, 9. Behroz, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 29. Anxo, 30. Hélder