Site icon Crónica3.com A Mariña

Descende no 2014 a recollida de vidro en Burela con respecto ó 2013

Burela, 19 de marzo de 2015. En Burela recolléronse no 2014 un total de 154.730 quilos de vidro nos iglús instalados para este fin, segundo os datos que hoxe deu a coñecer a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo. Esta cifra supón un descenso do 10’17% con respecto ao ano anterior.

A edil popular indicou que “no 2014 cada burelés depositou 16,02 quilo de vidro nos iglús instalados na nosa vila. É un valor sensiblemente superior ás medidas provincial, autonómica e estatal correspondentes ao 2013, e que se situaron en 4’1, en 2,18 e en 1,43 puntos, segundo datos facilitados por Ecovidrio”.

López Eijo dixo que “no pasado ano o reciclado de vidro recollido en Burela supuxo un aforro de 186 toneladas de materias primas e máis de 20.150 litros de petróleo”. Desde o Concello insisten “na necesidade de seguir reciclando tanto o vidro coma o resto do lixo. O que non se debe facer é tirar as botellas nos contedores verdes, porque iso supón que o lixo que vai a Sogama pese máis e como consecuencia o Concello teña que pagar máis por el. Hai algunha zona de Burela na que detectamos a presenza de vidro nos contedores de recollida de residuos sólidos, de aí que fagamos unha nova chamada á colaboración para que os veciños e as veciñas de Burela non baixen a garda”.

En Burela hai 67 colectores operativos, o que supón unha ratio de 144 habitantes por colector e 19,38 litros/habitante de capacidade dispoñible.

A concelleira de Medio Ambiente agradece “aos veciños e veciñas de Burela a súa colaboración na reciclaxe do vidro e animámolos a seguir neste liña e así ser partícipes da nosa responsabilidade ambiental”.

López Eijo engadiu que “o departamento de Medio Ambiente realizou un informe exhaustivo da situación en cada un dos colectores a pe de rúa e en datas próximas reunirémonos con representantes da empresa que xestiona a recollida para optimizar o servizo e incrementar a recollida”.

Exit mobile version