Site icon Crónica3.com A Mariña

Coa inauguración de dúas exposicións celebran o primeiro aniversario da rehabilitación do Pazo de Tovar

inauguracion-mostraLourenzá, 30 de marzo de 2015. O Pazo de Tovar acolleu varios actos o pasado sábado para celebrar o primeiro aniversario da inauguración da súa rehabilitación, dende a que recibiu máis de mil visitantes. Así o destacou a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, na súa intervención durante a xornada.

“Volvemos a Tovar un ano despois do que foi unha cita importante para todos os laurentinos: esta xoia arquitectónica e patrimonial volvía a brillar no noso Val despois de anos de decadencia e tras rematar as obras de consolidación e rehabilitación efectuadas nunha parte pola Consellería de Cultura e na outra polo seu dono José Ventoso e o propio Concello. Durante este ano de andadura, como todos saben, houbo de todo, pero o máis importante e o que realmente importa é que dende este pequeno recuncho do noso concello fomos quen de pasiño a pasiño exportar un cachiño de Lourenzá por toda a xeografía galega e española. Máis dun milleiro de visitantes se pasaron por Canedo a internarse na Fortaleza de Tovar para coñecer a súa historia e a maxestosa vida que os Tovar levaron entre os muros destas paredes que Don Antonio de Tovar mandou construír aló polo 1530”, manifestou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “cada visitante que chega a Tovar non só está a coñecer o noso pasado, non acaba a súa visita aquí; esta rehabilitación pretendía mirar ao futuro, apostando pola posta en valor do patrimonio cultural como oportunidade e instrumento de desenvolvemento local. Deste xeito, as distintas exposicións que albergou e alberga este inmoble, as distintas actividades desenvolvidas en torno a esta construción, así como a aposta decidida que neste concello se ven facendo dende a década dos 80 pola Faba de Lourenzá son a base dun xermolo de diferenciación que, sumada a natureza viva e a historia que deixa pegada nos distintos recursos patrimoniais que temos, leva ao noso concello a situarse visiblemente nun destino turístico do cal cada vez se fala máis: da Mariña Lucense”.

A alcaldesa tamén comentou que “este é un exemplo de colaboración público privada que de seguro redundará en consolidar á Mariña Lucense como un xeodestino para os turistas, porque os turistas son unha obra colectiva, nela participamos todos: as administracións, o sector privado, o comercio, o mundo da cultura, a restauración dende a cidade moderna ata aldea máis tradicional, como é o caso do lugar que nos atopamos, un val fértil no que se cultivan as afamadas fabas de Lourenzá e que hoxe máis que nunca se mestura co lema do noso concello: Onde a natureza é arte. A recuperación do Pazo de Tovar e a constitución do Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos en Galicia -labor conxunta da iniciativa privada, das administracións públicas e do mundo académico- contribuíu a unha nova clave de lectura do territorio e do patrimonio e identidade cultural do concello de Lourenzá. Seguiremos traballando para que o Pazo de Tovar e o seu Centro de Interpretación se transformen en instrumento de progreso local, converténdose nun ítem para a ensinanza e a investigación, pero tamén nun punto de referencia cultural e social, sendo altamente relevantes as súas potencialidades no ámbito turístico mariñao.”

Exposicións
Na xornada de celebración do pasado sábado foron inauguradas dúas exposicións no Pazo de Tovar, que se poderán visitar ao longo do vindeiro mes de abril. Unha delas é a titulada A natureza feita arte, unha mostra do traballo realizado polos artesáns da nosa terra, por aqueles que con tanto agarimo son capaces de transformar os elementos que o solo nos dá para convertelo en pezas de deseño que durante séculos serviron con funcionalidade os nosos antepasados. A exposición pertence o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo e é un pequeno exemplo do traballo realizado no interior dos seus obradoiros. Cerámica, cestería e traxes rexionais xúntanse nesta ocasión para gozar duns obxectos caracterizados pola súa beleza que son capaces de transportarnos anos atrás.

E para os amantes da arte contemporánea arranca no Pazo de Tovar a primeira exposición pertencente o ciclo Encadrados, onde se poden ver os traballos de Mauro Leivas, Fabián Reino, Martín Rodríguez e Candela Villarmea. Todos eles son o vivo exemplo das distintas formas que pode adoptar a arte na vida das persoas, chegando moito máis alá dunha simple profesión. Unha necesidade que se move entre a consagración do artista, como é o caso de Mauro Leivas, e a inquietude por un mundo de cores que presenta Candela Villarmea, con tan só oito anos. Fabián Reino coas súas dixitografías expón o espectador ante paisaxes deshumanizados que se tornan en tonalidades ficticias. Martín Rodríguez deixa en cada obra un anaco de seu expresando aquilo que sinte a través da abstracción. Mauro Leivas invita ao espectador a reflexionar sobre un acontecemento ou momento histórico, unha viaxe pola memoria colectiva de feitos que nos marcaron a todos. E Candela Villarmea abráianos coa capacidade que se contén dende a infancia e a importancia das artes plásticas neste período da vida. Eles son os primeiros de outros tantos que encherán as paredes do Pazo de Tovar nesta primavera e verán.

Exit mobile version