Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados denuncia que “a delegación de Facenda de Foz se negou a tramitar solicitudes de regularización por falta de medios”

A Mariña, 6 de febreiros de 2015. A Plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña contestou as declaracións do portavoz do Partido Popular na Mariña, José Manuel Balseiro, que “tanto el como todo o resto de dirixentes do Partido Popular son cómplices do saqueo aos aforros de xente traballadora e honrada mentres os dirixentes do seu partido recibían cheques con diñeiro en B e desviaban a paraísos fiscais diñeiro opaco coa ilícita intención de evadir a facenda que ademais foron premiados con amnistías fiscais como o ex tesoureiro Bárcenas”.

Balseiro fala por falar porque na delegación de Facenda en Foz derivaron a emigrantes a Lugo por falta de medios
Desde o colectivo mariñao aseguran que “as declaracións do portavoz do Partido Popular son falsas porque emigrantes retornados que quixeron regularizar a súa situación non foron atendidos na oficina de Facenda de Foz aludindo á falta de medios e derivando ás oficinas de Facenda en Lugo para atender a súa situación”.

Para o colectivo de Emigrantes Retornados na Mariña é denigrante que un individuo como Balseiro se atreva a facer afirmacións sen coñecemento directo da situación das persoas que conformamos este colectivo, “fomos tratados como delincuentes durante meses, recibimos cartas reclamándonos diñeiro que a propia facenda nos recomendou non declarar que incluían cuantiosas cantidades en intereses e sancións, néganse a equiparar a presión fiscal que recibimos cos pensionistas que nunca tiveron que emigrar, e aínda por riba temos que aguantar que nos diga este señor que todo está resolto”.

As rúas foi o único camiño que nos deixou o Partido Popular e sempre tivemos o apoio do BNG, cousa que é de agradecer
Desde o colectivo, pídenlle a Balseiro moderación nos seus ataques a persoas e organizacións que levan traballando e apoiando desde o inicio as nosas demandas. Neste sentido indican que os despachos non resolveron nada a pesar de que se intentou en moitas ocasións pero sempre topamos coa incomprensión do goberno sustentado polo Partido Popular e os seus dirixentes. Afirman que “so o Bloque Nacionalista Galego e persoas como Xoán Antón Estúa e outras moitas ao longo do territorio galego deron desde o primeiro momento o seu tempo e o seu traballo para que a nosa voz fose escoitada”.

O PP non se acaba de enterar que o problema segue sen resolverse
O colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña acláralle a Balseiro que as súas demandas seguen vixentes porque aínda non se abordou unha regulación legal, clara e precisa, sobre a tributación das pensións dos emigrantes retornados, partindo do principio de non discrimación respecto da tributación doutras pensións, para que dispoñan dun marco tributario homoxéneo para todas as pensións, incluíndo particularmente as exencións de presentar declaración do IRPF de non superar determinados umbrais de rendas, realizando para tal fin as modificacións oportunas da Lei 35/2006. Tampouco se resolveu a modificación do marco actual no sentido de evitar a “retroactividade” que establece a disposición adicional primeira da Lei 26/2014 tanto en relación coas persoas que xa tributaron por rendas percibidas en exercicios anteriores durante o ano 2013 e 2014, como para as que están pendentes de tributar todas as rendas desde o exercicio 2010 durante este período extraordinario de regularización.

Exit mobile version