Site icon Crónica3.com A Mariña

José Ramón Val pedirá responsabilidades e explicacións á Xunta sobre as axudas concedidas á empresa Vestas de Viveiro

Viveiro, 25 de marzo de 2015.- O Grupo Parlamentario Socialista vén de rexistrar varias iniciativas na Cámara galega coas que pedirá explicacións á administración autonómica sobre as axudas concedidas á empresa de Viveiro Vestas Nacelles Spain. Con estas medidas, os socialistas, ao igual que xa o fixo hai unha semana a propia alcaldesa –María Loureiro- na reunión mantida cos representantes dos traballadores, trasladarán o seu apoio aos empregados da factoría, “esixindo ao Goberno galego que se comprometa a todos os niveis, pois a situación pola que atravesa esta empresa non é máis que un exemplo do forte proceso de desindustrialización que padece esta provincia, e que as políticas de propaganda do Goberno de Feijóo, como o famoso Plan Impulsa Lugo, non teñen conseguido reverter”.

Deste xeito, e dada a intención da entidade de levar a cabo unha reorganización do persoal que suporá o despedimento de 54 traballadores e un expediente de regulación temporal para os 95 restantes, ademais do peche da produción ata o mes de outubro, dende o Grupo do PSOE pedirán ao Executivo que concrete o tipo de subvencións, a contía das mesmas, o organismo encargado da concesión, e as obrigas adquiridas pola empresa unha vez recibidas as bonificacións. Asimesmo, demandarán da Xunta a posta en marcha de iniciativas que permitan garantir os postos de traballo existentes e xerar actividade suficiente para incrementalos no conxunto do sector eólico galego, receitando de raíz unha reforma do sector eléctrico que só beneficia ás grandes empresas enerxéticas españolas e condena ás enerxías renovables e aos sectores económicos a unha profunda parálise.

“Lamentablemente nos seis anos de Feijóo vimos asistindo a un fortísimo proceso desindustrializador que afecta todos os territorios e a case todos os sectores, pero que resulta especialmente inquietante nas provincias de Lugo e Ourense, e nos sectores vinculados ás novas tecnoloxías. A Xunta de Galicia ten que defender o tecido produtivo da nosa Comunidade, sobre todo porque os datos indican que instalacións como a de Viveiro son produtivas, competitivas e rendibles”, insiste Val.

Período de negociación
A propia entidade indicou hai uns días que os EREs están motivados pola falta de traballo, mentras non se acometan modificacións que permitan mellorar o proceso produtivo para comezar a producir xeradores de última tecnoloxía como é o caso do Super Slilm 2MW; un argumento que, indica Val, non convence ao comité de empresa, que está en proceso de negociación cos responsables da factoría.

“Dende o Grupo do PSOE defenderemos o mantemento dos postos de traballo, a adopción de melloras tecnolóxicas, pois non compartimos que estas supoñan a paralización da empresa e o mantemento dos compromisos da mesma co Comunidade na que se asenta”. E é que, subraia, “non podemos permitir esta situación, xa que se trata dunha empresa moi relevante no conxunto do sector meltamecánico da provincia e de Galicia”. Boa proba disto é que o seu nivel de facturación a sitúa como a segunda empresa en importancia na provincia, ademais de contar cun número de empregados moi relevante, pois nela traballan con carácter fixo ao redor de 150 persoas e de maineira temporal varios centos máis.

Exit mobile version