Site icon Crónica3.com A Mariña

Juan Rivas estrea ‘Velas & Vientos magazine’

O autor e propietario do blog de temática náutica “elblogdethornado.blogspot.com.es”, Juan Jose Rivas estrea nova web baixo o nome de Velas & Vientos, magazine: www.thornado.es.

Trátase dun portal gratuíto e sen patrocinios que ten como obxectivo “a máxima difusión”. De feito, a través do blog xa vén dando cumprida conta dende o ano 2008 de todas as noticias que afectan ao mundo da náutica facendo especial fincapé nas regatas de vela, desde as máis locais ata as de volta ao mundo e desde os barcos máis pequenos como os óptimist ata os Fórmula 1 do mar como os IMOCA, os VO65 ou os multicascos.

“Logo deste primeiro paso que durou case 6 anos e medio, considero que xa chegou o momento de avanzar un paso máis e dar o salto cara a unha publicación máis profesional e con maior alcance: “Velas & Vientos, magazine”. Este novo magazine en liña nace co mesmo espírito que o da súa publicación predecesora: servir de punto de encontro para todos os afeccionados á náutica en xeral e á vela en particular e chegar a converterse nun lugar na rede onde poder atopar toda a información sobre a náutica, as regatas, os barcos, en resumo, toda esa información que habitualmente o afeccionado demanda e que, en moitos casos, é moi difícil de localizar”.

Os contidos da web son todos de primeira man, proveñen do corazón das regatas e dos equipos. “A miña comunicación fluída cos servizos de prensa dos distintos equipos e regatistas permíteme acceder a eles de forma directa; por exemplo, a miña última entrevista que causou gran expectación entre os lectores foi ao coruñés Roberto Bermúdez de Castro, “Chuny” para os amigos, embarcado na Volvo Ocean Race a bordo do Abu Dhabi, xusto catro horas antes de partir de Sanya rumbo a Auckland: http://thornado.es/chuny-bermudez-se-sincera-con-verlas-vientos/+.

Tamén, co cambio de formato da web, os contidos foron ampliados facéndose eco das distintas regatas do mediterráneo, Andalucía ou Cataluña ata integrar unha sección dedicada a analizar todo o relativo aos barcos a motor. Mantense, así mesmo, a sección de piragüismo para empuxar un pouco máis por este case esquecido deporte, etc…

O número de visitas mensuais non é nada desdeñable, procedendo na súa maioría de España; pero sen desprezar ao resto de accesos orixinarios de Europa, o continente americano, Asia e ata Australia.

Exit mobile version