Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 20 centros educativos de toda a provincia participan no programa “Cociña de contos”

IMG_8096Lugo, 24 de marzo de 2015.- O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, achegouse esta mañá ao CEIP Luís Pimentel de Lugo para observar in situ como se desenvolven os obradoiros da campaña Qontocontigo, que este ano levan o título de ‘Cociña de contos’. Os profesionais de Oqo Editora son os encargados de levar adiante este proxecto que impulsa a Vicepresidencia Primeira e no que participarán máis de 20 centros educativos de toda a provincia de Lugo.

No Luís Pimentel, Mario Outeiro puido comprobar de primeira man a aprendizaxe dos nenos e nenas dun grupo de 1º de Primaria nunhas actividades amenas e moi dinámicas, sendo diferentes en función de cada tramo de idade. “Existen moitas maneiras de viaxar e de achegarse á cultura dun país. Unha delas é a través dos contos, da tradición oral e outra forma de viaxar é a través da gastronomía, que é a proposta que lle ofrece aos máis pequenos e pequenas Oqo a través dos sabores, aromas, cores, formas e texturas de alimentos e receitas que agochan a historia cotiá de cada país e inspiran as súas manifestacións plásticas e artísticas ao longo do tempo”, explicou Mario Outeiro.

Un dos obxectivos que perseguen desde Oqo Editora con estes obradoiros é “traballar o conto como un espazo de achega á literatura, á interculturalidade e á creación artística para desenvolver o espírito crítico na infancia e ofrecer os medios para aprender novas formas de mirar. Nestas actividades a lectura e a creación plástica, xunto coa gastronomía, serán as protagonistas”, sinalan desde a editorial.

Diferentes obradoiros en función da idade
Para os alumnos de 2º e 3º ciclo de Primaria púxose en marcha un obradoiro gastronómico-literario que ten como título ‘Europa á Carta’, xa que no mesmo se inicia unha viaxe virtual que parte de Lugo para pasar por distintos países europeos: Portugal, Polonia, Francia e Italia: “Faremos reflexionar aos cativos sobre a importancia da comida como aspecto identitario; trátase de que tomen consciencia coa cultura gastronómica propia e que, ademais, enriquezan a súa visión co achegamento a outras culturas”

Mentres tanto, para os alumnos e alumnas do 1º e o 2º ciclo de Primaria lévase a cabo outro obradoiro baixo o título ‘Coas mans na masa’. “A partir do álbum ilustrado ‘Maruxa’, baseado na canción tradicional polaca ‘Maryna Gotuj pierogi’, do que a artista portuguesa Mafalda Milhões fixo as ilustracións, nenos e nenas traballarán con masa de pan como elemento de creación plástica. Os escolares crearán a súa masa e darán forma aos protagonistas do conto: Pepiño e Maruxa, experimentando con distintos modos de darlle cor á masa do pan, a través de colorantes naturais, provintes de distintos alimentos: remolacha, cenoria, espinacas,…”, informan desde Oquo Editora.

Os profesionais de Oqo seguirán visitando os distintos centros educativos que se animaron a participar neste programa ata finais do presente curso académico. Esta semana estarán no mencionado CEIP Luís Pimentel, mentres que á volta das vacacións de Semana Santa se achegarán ao CEIP Sagrado Corazón, ao CEIP As Mercedes e ao CEIP Menéndez Pelayo.

Exit mobile version