Site icon Crónica3.com A Mariña

Margarita Pérez Herraiz critica que as prestacións por desemprego en Lugo descenderon case 4 millóns de euros en tres anos

Madrid, 25 de marzo de 2015.- A deputada socialista lucense Margarita Pérez Herraiz rexistrou no Congreso unha iniciativa parlamentaria coa que lle pide o Goberno “que explique se considera asumible a diminución na provincia de Lugo dos parados que cobran algunha prestación, e aínda a maior diminución dos parados que cobran unha prestación contributiva”.

Pérez Herraiz sinala así que a cantidade destinada polo Goberno a prestacións por desemprego na provincia de Lugo en decembro de 2011 ascendeu a 14.215.000 euros, cifra que baixou a 10.593.000 euros en decembro de 2014. “A diferenza entre estes anos é de case 4 millóns de euros menos para prestacións por desemprego, o que para unha provincia como Lugo é unha diminución importantístima” -resalta.

Ademais, indica que, na provincia de Lugo, en decembro de 2014 hai 1.074 parados máis que non cobran prestación respecto a decembro de 2011 e 4.421 parados máis que non cobran prestación contributiva.

Así mesmo, apunta que en decembro de 2011 había 9.246 parados de longa duración (máis dun ano no paro) na provincia de Lugo e que esta cifra ascendeu ata 11.636 parados deste tipo en decembro de 2014. Respecto a Galicia, en 2011 había 102.341 parados de máis dun ano e en 2014 ascenderon 120.160 persoas, o que supón 17.819 persoas máis.

“Segundo as estatísticas oficiais -resume a deputada lucense- o paro na provincia de Lugo diminuíu en 462 persoas se comparamos decembro de 2011 con decembro de 2014 pero os parados de máis dun ano aumentaron en 2.390 persoas, os parados que cobran algunha prestación diminuíron en máis de 1.000 persoas e os parados que cobran prestación contributiva diminuíron en máis de 4.400 persoas”.

Por iso, coa súa iniciativa parlamentaria, Pérez Herraiz solicita tamén ao Goberno “que valore o incremento do paro de longa duración na provincia de Lugo” e pregúntalle “se considera correcta a evolución do paro na provincia de Lugo” e “se considera axeitado a unha sociedade ‘que vai ben’ que a cantidade dedicada a prestacións por desemprego diminuíse na provincia de Lugo case 4 millóns de euros entre decembro de 2011 e decembro de 2014”.

A deputada reproba que “na provincia de Lugo a diminución de parados foi insignificante e non obstante houbo un importante incremento de parados de longa duración e unha forte diminución das prestacións” “por desemprego”.

Exit mobile version