Site icon Crónica3.com A Mariña

Numerosos agricultores e gandeiros de Ribadeo asistiron ás charlas sobre a PAC organizadas polo PSOE en Cedofeita e A Devesa

charlas-agro-psoe-ribadeoRIBADEO, 30 DE MARZO DE 2015.- As charlas sobre a PAC 2015-2020 organizadas polo socialistas de Ribadeo nas parroquias de A Devesa e Cedofeita a pasada fin de semana contaron coa presenza de numerosos agricultores e gandeiros do municipio ribadense. Nestes actos interviron o candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ribadeo -Roberto Ramos Piñeiro- e a coordinadora dos socialistas na Mariña -Mayra García Bermúdez- que é empregada dunha cooperativa agraria.

Roberto Ramos fixo este luns un balance positivo destes dous actos: “estamos moi satisfeitos da iniciativa para informar e asesorar sobre os cambios coa reforma da PAC para o período 2015-2020, pola que moitas explotacións vense abocadas a realizar modificacións nas hectáreas destinadas aos distintos cultivos e desta forma cumprir os requisitos para o pago verde, que supón o 50 por cento do pago básico. Para o pago base tense en conta o pago único de 2014 e por tanto é moi recomendable declarar cantas máis hectáreas mellor, porque menor será o valor de dereito, pois para achar este valor temos que dividir o pago base entre o número de hectáreas admisibles. Ao longo da fin de semana realizamos unha serie de revisións das solicitudes presentadas no período 2013-2014 por varias das persoas que asistiron ás charlas e démoslles os pertinentes consellos para poder acadalo”.

O alcaldable socialista en Ribadeo engadiu que “dende o PSOE somos coñecedores da importancia que ten este sector na nosa comarca, na nosa provincia e na nosa comunidade, xa que é unha das primeiras actividades xeradoras de emprego nas zonas rurais e, polo tanto, unha moi boa oportunidade de desenvolvemento. Nós estamos e estaremos moi pendentes de apoiar ao sector con todas as nosas forzas”.

“Fronte á política de propaganda, nós cumprimos con feitos”
Nas charlas a coordinadora do PSdeG-PSOE na Mariña manifestou: “fronte a política de propaganda do Partido Popular, os socialistas cumprimos con feitos. Mostra diso é o primeiro centro público de recría de gando vacún de España que xa rematou o goberno socialista da Deputación, sen ningunha colaboración da Xunta, a pesares das peticións feitas en varias ocasións. Un proxecto ideado hai sete anos feito por e para os gandeiros, co fin de axudarlles a producir máis e mellor e para que as nosas explotacións, unha das columnas vertebrais da nosa provincia, funcionen ben. Agora o único que esperamos é a que o concello de Castro de Rei conceda o antes posible a licenza de apertura, solicitada a primeiros de febreiro”.

Vendas por debaixo dos custes de produción
Mayra García tamén explicou que “a día de hoxe os gandeiros galegos volven vender por debaixo dos custes de produción, sendo a nosa comunidade autónoma a principal produtora de leite de España. O leite producido en Galicia ten os prezos mais baixos de España e un dos menores de Europa. A isto engádese a suba dos prezos da enerxía eléctrica, do gasóleo, dos fertilizantes, da seguridade social e a falta de vontade por parte da Xunta de apoiar ó sector. Mostra diso son as reducións orzamentarias ano tras ano por parte do Goberno galego para os plans de mellora das explotacións agrarias. A estas reducións engádese a modulación que eles establecen como lles dá a gana para marcar o prezo máximo subvencionable de calquera inversión, que en todo caso sempre é bastante menor que o valor de mercado. E non menos importante é a redución de persoal nas axencias de extensión agraria co ánimo de centralizar como están a facer co resto de servizos”.

Escoitando aos cidadáns
Por outra parte, o candidato á alcaldía de Ribadeo recordou que “todos os mércores de 11 a 13 horas e de 17 a 19 horas estamos na Casa do Pobo, na rúa Viejo Pancho 16, recibindo a todos aqueles cidadáns que queren achegarse para manifestarnos a súas suxestións, inquedanzas e propostas para incorporar no noso programa. E estamos rematando a elaboración da axenda de reunións cas distintas asociacións e entidades da vila e parroquias”.

Exit mobile version