Site icon Crónica3.com A Mariña

O acceso ó porto burelés entra na fase máis importante: a do traslado da vía do tren

obras-burelaBurela, 11 de marzo de 2015. A obra do acceso ao porto de Burela entra na fase máis importante: a do traslado da vía do tren. Esta semana realízanse traballos de desbroce e de drenaxe. O alcalde, José Mª González Barcia, subliña a súa transcendencia para actividade empresarial do porto.

O rexedor sinalou que “despois de que a semana pasada se recibisen as prescricións técnicas de Adif Red de Ancho Métrico en relación coa obra do acceso ao porto de Burela esta semana iniciáronse xa os traballos previos ao traslado da vía do tren. A obra nunca estivo parada, porque se estiveron facendo labores de desbroce e outros traballos, pero as prescricións técnicas de Adif eran imprescindibles para abordar o groso da obra”.

González Barcia explicou que “esta semana estanse facendo traballos previos ao movemento da vía do tren, consistentes fundamentalmente na limpeza da zona e na drenaxe, que ten moita importancia nesta obra porque está moi vinculado ao caudal do río Perdouro. Estas tarefas son imprescindibles para poder abordar o groso da obra, que empezará a próxima semana cos traballos para cambiar o trazado da vía do tren. A partir de agora, de forma paulatina, a obra vai ir collendo ritmo e a parte máis importante vaise levar a cabo nos meses de abril e maio”. E engadiu que “hoxe pola mañá estivemos en Santiago co director xeral de Infraestruturas, Francisco Menéndez, analizando o plan de actuación da obra”.

O alcalde referiuse aos que no seu día puxeron en dúbida a continuidade das obras de acceso ao porto de Burela: “aquelas poucas persoas que dixeron de forma reiterada que esta obra non se ía facer vanse levar un chasco, pero eu estou moi contento de que nun mandato do Partido Popular e sendo eu alcalde se poida facer unha obra de tanta relevancia, que é unha das máis importantes que ten en marcha a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola transcendencia que ten para unha actividade empresarial como a que hai no porto de Burela e polo seu elevado custe por quilómetro. Estou satisfeito e moi agradecido á Xunta de Galicia, porque está moi pendente esta obra, e a empresa está cumprindo os prazos previstos. O Concello de Burela está moi pendente desta obra e disposto a axudar en todo o que sexa posible”.

Exit mobile version