Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela acompañou a un grupo de alumnos do IES Perdouro a recoller o primeiro premio do concurso ‘O galego nas ondas’

premio-galegonaondaBurela, 3 de marzo de 2015. O alcalde, José Mª González Barcia, acompañou a un grupo de alumn@s do IES Perdouro a Santiago. Alí recolleron o primeiro premio pola súa participación no concurso O galego nas ondas e visitaron as instalacións da Radio Galega.

O rexedor dixo que “na mañá de hoxe acompañamos a alumnos do IES Perdouro, de Burela, á Radio Galega para recibiren o premio do concurso convocado por esta emisora autonómica e pola Secretaría Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia O galego nas ondas, certame que no o Concello de Burela participou precisamente porque estamos integrados na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Participamos cos rapaces do IES Perdouro, que fixeron un traballo realmente sensacional. Acompañámolos na súa estancia na Radio Galega e tamén na entrega dos premios aos rapaces e rapazas do IES Perdouro que fixeron posible que o Concello acadase este premio”.

González Barcia recoñeceu “o traballo que se está facendo neste caso concreto no IES Perdouro. Todos os centros de ensino de Burela destacan nalgunha faceta de innovación educativa, pedagóxica e de inclusión das persoas que veñen doutros países, se quedan a vivir con nós e se integran no noso sistema educativo. Polo tanto, reiterando o agradecemento aos catro centros de ensino de Burela, hoxe ao que hai que ter presente é ao IES Perdouro, tanto ao seu profesorado como aos seus alumnos. Teñen demostrado en máis dunha ocasión ese compromiso coa innovación educativa, de traballar máis e mellor no mundo do ensino, e polo tanto creo que este premio é merecido”.

O alcalde manifestou que “a competición non foi doada porque outros centros de ensino de Galicia participaron con gran nivel, pero o xurado, no que estaba por exemplo o propio secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do programa Come e fala, da Radio Galega, que tantas veces ten estado en Burela, Xosé Luis García; e outras persoas vinculadas co mundo da radio, como por exemplo o actor Rubén Riós, recoñeceron publicamente que a calidade da participación do IES Perdouro era moi elevada. E, polo tanto, así foi recoñecida con ese premio”. E engadiu: “reitero o agradecemento ao alumnado por ese traballo e ao profesorado por esa dedicación para sacar adiante proxectos coma este. E estou completamente seguro de que para o ano que vén se non é este virán outros premios para o IES Perdouro e para os demais centros de ensino de Burela”.

Exit mobile version